Iván Puentes asegura que o novo parque infantil de Médico Ballina estará rematado a finais de xuño

28
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible levará o luns a Xunta de Goberno a ampliación dos prazos de execución das obras, que avanzan a bo ritmo coa instalación de varios elementos de xogo

A Xunta de Goberno deste luns inclúe na súa orde do día a aprobación dunha ampliación dos prazos de execución do proxecto de creación dun novo parque infantil na rúa Médico Ballina, cuxas obras tiveran que suspenderse por mor da crise sanitaria da Covid-19. Non obstante, tal e como constata o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, os traballos, retomados pola empresa Bricantel España SL a mediados de abril, “avanzan a tan bo ritmo que, se non existen contratempos, este remozado espazo de xogos estará rematado a finais do mes de xuño”.

Unha vez finalizadas a explanación dos terreos e o formigonado dos muros perimetrais de contención da nova área de lecer, o parque comezou a tomar forma, toda vez que a adxudicataria procedeu á instalación dos diversos elementos de xogo. “A pesar de que aínda faltan algunhas actuacións e detalles de importancia, xa nos podemos ir facendo unha idea do magnífico aspecto que vai ter esta zona de xogos. Tan pronto como as medidas socio sanitarias o permitan, estaremos alí para inauguralo cos veciños”, sinala Puentes.

As obras do futuro parque infantil puxéronche en marcha o pasado 28 de xaneiro, despois de que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) puxese fin a unha farragosa tramitación burocrática derivada do mandato anterior coa apertura dos cadeados que pechaban a parcela sobre a que se está a construír, de 1.198 metros cadrados de superficie e situada na pasarela sobre as vías do ferrocarril (na marxe dereita da estrada, en dirección Pontevedra-Santiago). 

O prego de condicións técnicas establece un prazo de execución máximo de tres meses, polo que, aínda que a marcha das actuacións respectaba o calendario previsto cando foron interrompidas polo estado de alarma, a Concellería de Desenvolvemento Sostible viuse obrigada a levar a Xunta de Goberno unha ampliación de prazos. 

O proxecto de construción do novo parque infantil de Médico Ballina supón un investimento municipal de 157.520,79 euros. A oferta económica presentada pola firma Bricantel rebaixou nun 10% os 175.000 euros que se contemplaban no orzamento inicial, incluíndo ademais no contrato inspeccións integrais anuais, así como compromiso de manter pezas de reposto suficientes por un período de 15 anos dende a instalación do equipo.

Pavimento amortecedor formado por céspede artificial e pranchas

Entre a ampla variedade de elementos de xogo que xa empezan a asomar no recinto inclúense unha tirolina; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; un bambán con forma de cesto; dous equipos combinados (a xeito de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia; un labirinto inclusivo, e varios bambáns con resortes. Entre as actuacións proxectadas contémplase a creación dunha zona de estancia destinada aos acompañantes dos rapaces no acceso ao parque, e doutra traseira na que se están a instalar os diversos xogos. A área de lecer para a rapazada contará, ademais de cun peche perimetral, cun pavimento amortecedor (formado por céspede artificial e pranchas de entre 35 e 90 milímetros de grosor).

A zona de descanso disporá de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros (para xogos de mesa: xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

Iván Puentes aplaudiu o comportamento exemplar tanto dos nenos e como dos seus familiares “no respecto á prohibición de utilizar os parques infantís”, que, como lembrou “continúan pechados e precintados”. “Os máis pequenos estannos a dar moitas leccións de bo comportamento e de civismo durante esta crise, así que agardo que, unha vez que as zonas de xogo se poidan abrir de novo, o parque de Médico Ballina se converta nun xeito de agradecerllo aos deste barrio da cidade”, sinala o concelleiro socialista.