- Ante o próximo inicio da actividade da cidade e o uso dos espazos comúns en moitos edificios e baixos, o Concello adapta a cartelería informativa e con recomendacións das oficinas municipais, para o público en xeral que precise facer uso dela.
- Poderán descargar da web municipal cinco carteis con normas xerais, limpeza de mans, retirada de luvas, uso de ascensores e respecto á distancia de seguridade supervisados polo servizo municipal de Prevención de Riscos Laborais.
O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Persoal, que xestiona Carme Fouces, e do servizo de Prevención de Riscos laborais, acordou poñer a disposición de todos os veciños e veciñas de Pontevedra, empresas, comunidades de veciños, despachos profesionais, asociacións… diverso material gráfico de carácter informativo e con recomendacións sobre como previr o coronavirus, agora que está previsto o inicio da actividade e o maior uso dos espazos comúns de moitos edificios e baixos.
Trátase de cinco carteis nos que se fan distintas recomendacións sobre a hixiene, os espazos comúns, as distancias de seguridade ou o uso dos ascensores. Son creacións realizadas polo propio Concello destinadas a informar tanto a traballadores como ao público en xeral en todas as oficinas de todos os edificios municipais.
Dado que se tratan de normas xerais que todos os pontevedreses deberan cumprir, a Concellaría de Persoal, encargada da prevención laboral, ofrece a posibilidade de que todas as persoas a título particular ou entidades privadas ou públicas que o precisen, descarguen da páxina web municipal os carteis e os utilicen como consideren conveniente.
Esta medida adóptase logo de detectar unha demanda por parte dalgúns sectores (comercios, comunidades de veciños…) ante a falta de material gráfico para entidades privadas e para particulares na desescalada e na próxima volta á normalidade.
Os carteis que estarán colgados na web da Covid-19 https://www.pontevedra.gal/covid-19/ baixo o epígrafe cartelería covid, son os seguintes:
- Cartel 1. Recolle recomendacións como a limpeza de mans, desbotar os panos, tusir no cóbado, evitar tocar ollos, boca e nariz, evitar dar a man para saudarse, lavar as mans frecuentemente ou non compartir obxectos de hixiene persoal.
- Haberá unha segunda versión deste cartel pensada para a actividade profesional, que amplía recomendacións como manter os espazos ventilados ou a retirada de documentación dos postos de traballo para que poidan ser desinfectados cada día.
- Cartel 2. Vinculado ao anterior e, tal vez, a recomendación máis importante: a distancia social. Este cartel recomenda respectar os 2 metros de distancia entre persoas para evitar a propagación do virus.
- Cartel 3. Recolle como se debe facer unha limpeza de mans: polas palmas, o envés, entre os dedos, con abundante auga, secalas cun pano que debe ser empregado para pechar a billa.
- Cartel 4. Outro cartel da serie é como se han de quitar as luvas, no caso das persoas que as empreguen. Previa á retirada, hanse lavar ben as mans con auga e xabón, e a continuación secalas seguindo o procedemento. Seguidamente, é preciso volver lavar as mans.
- Cartel 5. Tamén se ofrece un último cartel informativo e con recomendacións sobre o uso dos ascensores comunitarios. A ser posíbel deben evitarse, pero no caso de facelo a recomendación é que viaxe unha soa persoa ou ben persoas que convivan ou presenten necesidades especiais que obriguen a acompañalas. Rógase non tocar elementos do ascensor como espellos, paneis, barras de apoio, non tocar a cara e, cando se saia, lavar as mans.
- Existe unha segunda vesión deste cartel pensado para o uso público xeral (como as comunidades de veciños), no que se recomenda viaxar só agás persoas convivintes.
Respecta a distancia de seguridade. Normas xerais de prevención Normas xerais de prevención no ámbito do traballo. Uso de ascensores en espazos de traballo ou públicos. Uso de ascensores en espazos domésticos. Protocolo de limpeza de mans. Protocolo de retirada de luvas.