Os catro psicólogos de Benestar Social intensifican a atención aos maiores sós e dependentes completando unha segunda rolda de chamadas a 2.000 persoas

12
  • Aínda que moitos se esixen resistir e evitan pedir axuda explicitamente, os funcionarios municipais comezan a detectar desgaste polo confinamento e medo ao futuro entre as persoas que viven soas

Á marxe da axuda que a AECC e a Fundación Meniños prestan ao Concello nalgunhas áreas específicas, catro psicólogos funcionarios da Concellería de Benestar Social están a asumir dende o inicio da crise sanitaria a atención psicolóxica e o apoio emocional ás persoas maiores de 65 anos e dependentes que viven soas en Pontevedra. Este equipo de profesionais ven de completar nestes días unha segunda rolda de chamadas de seguimento a un 2.000 cidadáns de cara a cotexar novas necesidades, demandas de asistencia e outros problemas sobrevidos polo confinamento.

Aínda que a inmensa maioría dos usuarios inquiridos telefonicamente se atopaba ben, tiña as súas necesidades cubertas e mantiña o contacto ou eran atendidos por familiares (xeralmente fillos), os psicólogos xa comezan a detectar nesta segunda fase de contacto algúns síntomas de desgaste polo tempo transcorrido de encerro na casa, medo ao futuro e certo desacougo e dúbidas ante as posibles dificultades de poder xestionar con autonomía as circunstancias limitadoras, sobre todo nos casos de soidade. Tal e como sinala a concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, trátase dunha situación “totalmente nova, que xera incerteza e indefinición sobre a chegada dunha etapa de peche e resolución, algo que se acentúa para os nosos maiores”.

De feito, os psicólogos constatan que, a pesar de que hai moitos casos nos que, por autodefensa, existe unha autoesixencia de ‘resistir’, non se demanda de xeito evidente atención psicolóxica (pois supón poñer en cuestión a súa capacidade) e se evita incluso o contacto cos seus médicos de Primaria (por esa mensaxe trasladada de non colapsar os servizos sanitarios), o recoñecemento da necesidade de axuda comeza a facerse cada vez máis explícito. “Sobre todo nos casos de soidade, a demanda de contacto cos profesionais dos Servizos Sociais estase a facer moi expresa. A demanda de atención e seguimento que estaba implícita converteuse en clara demanda e, por suposto, os usuarios amósanse moi agradecidos de contar con este apoio”, apunta Paloma Castro.

Neste sentido, un dos psicólogos municipais explica que das preto de 450 chamadas que efectuou nesta segunda rolda de chamadas de control, ata 32 traducíronse en “conversas de entre 10 e 30 minutos” con persoas “cuxo perfil maioritario era o de maiores en bo estado, sen demanda concreta, con algún apoio familiar ou algún familiar vivindo con eles”. Segundo constata o funcionario, “a todas elas se lles explica o sentido da chamada, é dicir, que o Concello contacta con eles para saber se se atopan ben, como se están a adaptar ao confinamento, como o levan e se precisan algo, informándolles de que os nosos números de teléfono están operativos a calquera hora do día, especialmente se experimentan baixóns, ansiedade ou algunha especial dificultade”.

Dous usuarios do albergue Raíña da Paz tamén pediron axuda

Este mesmo psicólogo, que tamén atendeu telefonicamente a dous usuarios do albergue Raíña da Paz de Salcedo “que levan alí cinco semanas e que pediron expresamente falar cun profesional”, engade entre as demandas que recibiu “a solicitude de mascarillas para poder saír a rúa; queixas de persoas que teñen longos paseos diarios prescritos polo seu cardiólogo e non poden facelos (pedían ‘salvocondutos’ para estes casos), e unha petición de servizo de limpeza da casa dunha persoa con problemas severos de artrose”. “Nalgún caso, sinxelamente precisaban a alguén con quen falar”, subliña.

A pesar de que, en xeral, a situación está baixo control e non se teñen detectado problemáticas de ansiedade, medo á morte ou agorafobias, o equipo de psicólogos de Benestar Social estima que estas complicacións poderían saír á superficie cando se inicie a fase de desconfinamento, e posiblemente dun xeito máis agudo en sanitarios e persoal de hospitais, ambulatorios e ambulancias, así como en Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Paloma Castro lembra que o seu departamento ten a disposición da cidadanía os teléfonos 986 85 83 34 e 986 85 03 98 en horario de 8:00 a 20:00 horas. As traballadoras sociais do Concello se encargan de atender as chamadas, respostar ás necesidades de adquisición de alimentos ou produtos farmacéuticos de persoas que vivan soas ou presenten problemas de autonomía e mobilidade e, naqueles casos nos que sexa preciso ou se solicite, derivalas aos psicólogos municipais.