O programa Porta a Porta reparte caixas de alimentos nos domicilios de 169 familias de Pontevedra

205
  • A iniciativa posta en marcha durante a crise sanitaria pola Concellería de Benestar Social, en colaboración co Servizo de Deportes e o Banco de Alimentos, atende nestes momentos a 564 persoas
  • Paloma Castro destaca a implicación de entidades como a firma Carlos Conde e a Federación Galega de Balonmán, que facilitaron caixas de cartón e unha furgoneta para realizar os repartos

O programa municipal Porta a Porta, impulsado pola Concellería de Benestar Social en colaboración co Servizo de Deportes e o Banco de Alimentos co obxectivo de atender as necesidades da poboación máis vulnerable durante a crise sanitaria, está a repartir caixas de alimentos nos domicilios de 169 familias de Pontevedra. A iniciativa, que atende nestes momentos a un total de 564 persoas, tamén se está a traducir na reapertura de diversas asociacións locais e entidades sociais que estaban pechadas por temor á Covid-19 ou por desabastecemento e que volven estar activas grazas ás medidas adoptadas dende o Concello.

Así, entre as accións coordinadas polo departamento que dirixe Paloma Castro inclúense, ademais do abastecemento de alimentos (a través do Banco de Alimentos ou mediante aportación directa da Administración municipal); a subministración de EPI (equipos de protección individual: mascarillas, xel, luvas e traxes) aos voluntarios das asociacións, e a divulgación de formación e información moi básica para reducir o risco de contaxios. Asemade, en colaboración con Protección Civil de Pontevedra, aportouse voluntariado mozo coa colaboración de Protección Civil a aquelas entidades que o demandaron, coa finalidade de minimizar as posibilidades de transmisión do coronavirus (mozas e mozos que soen colaborar con estes colectivos).

Tal e como subliña a concelleira de Benestar Social, “estas asociacións supoñen para nós unha sorte de ucis sociais estratéxicas”, xa que agora mesmo “máis de 1.000 familias de Pontevedra dependen delas en maior ou menor medida para distintos servizos”. “Si se tivese que pechar por mor dalgún caso positivo un comedor social ou algunha desas organizacións, teriamos un problema semellante ao que se produciría pechando unha UCI hospitalaria, falando en termos sanitarios”, explica Paloma Castro.

A socialista destacou a implicación que tanto os traballadores de Benestar Social como os do Servizo de Deportes están a ter para que o programa Porta a Porta sexa posible, así como “a enorme solidariedade amosada por algunhas empresas e entidades”. Neste sentido, Castro resaltou a colaboración do Banco de Alimentos, que presta o seu local para o almacenamento; da firma de perruquerías Carlos Conde, que facilitou as caixas de cartón para o transporte dos alimentos, e da Federación Galega de Balonmán, que cedeu unha furgoneta por tempo ilimitado á empresa contratada para face-lo transporte.

Déronse de baixa 46 familias

Segundo explica Paloma Castro, o Servizo de Benestar Social, coordinado por Carlos Muiños, tivo que dar de baixa do programa Porta a Porta a 46 familias e a un total de 141 de persoas “por fraude, por non respostar no seu domicilio ou por recibir alimentos e outros artigos de dous ou máis sitios á vez”. “Cotexamos as nosas bases de datos con Cáritas, O Mirador, Club de Leóns, Igrexa Evanxélica… E comprobamos que moitos veciños figuraban nos listados municipais e xa están a ser subministrados dun xeito directo por asociacións locais”, apunta a edil do PSOE.