Medio Natural remata os traballos de renovación da rede de sendas peonís da Xunqueira de Alba

18
  • Unha achega económica de 12.000 euros permitiu a rexeneración dun treito duns 500 metros entre o Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara. As obras foron executados pola empresa EC Casas

Unha renovada rede de sendas peonís agarda para ser estreada por viandantes e deportistas no espazo natural das Marismas de Alba cando se vaian levantando as medidas de confinamento. A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural rematou nestes días o proxecto de rexeneración dun treito duns 500 metros entre o Paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara, unha actuación que a empresa Construcciones EC Casas executou grazas a unha achega económica de 12.058,85 euros.

En concreto, os tramos de senda renovados atópanse entre unha das pontes que atravesa o río da Gándara (á altura da peaxe da AP-9) e a pasarela do Camiño Portugués a Santiago. Os traballos, que tiveran que interromperse por mor da hibernación das actividades construtivas que decretara o Goberno central, fixeron posible optimizar o estado de conservación dos sendeiros, especialmente nun par de treitos que suman arredor de 250 metros e que se viran moi afectados polas fortes precipitacións do pasado mes de novembro. Á marxe das escorrentías de auga por aqueles temporais, os camiños da Xunqueira de Alba tamén quedaran en mal estado por mor dunhas actuacións realizadas por Fenosa nesa zona con maquinaria pesada. 

O proxecto de renovación da rede de roteiros das Marismas incluíu, entre outras obras, o levantamento da capa superior das sendas anteriores e a aplicación dun aporte de xabre para asenta-lo firme. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, asegura que o resultado dos traballos “é óptimo” e que os vieiros “agardan en perfectas condicións a que veñan tempos mellores para seren estreados”. “Tanto o Servizo de Medio Ambiente como o de Parques e Xardíns seguen a poñer a punto eses fermosos espazos naturais, parques e zonas de xogo que temos en Pontevedra -lembra o socialista- e que moi cedo volveremos a ocupar, desfrutando deles como nunca”.