O chef Pepe Solla e o seu equipo poñen talento e solidariedade ao servizo do comedor de San Francisco

162
  • O cociñeiro de Casa Solla (Estrella Michelin) e seis profesionais do restaurante empregan produtos doados polos seus provedores para ofrecer a mellor cociña aos usuarios do comedor social

A solidariedade do chef Pepe Solla e do seu equipo está á altura do seu talento culinario. O prestixioso propietario do restaurante Casa Solla, galardoado cunha Estrella Michelin e con tres soles Repsol, xunto con seis profesionais do seu plantel, están a colaborar dende a pasada semana de xeito absolutamente desinteresado para que os usuarios do comedor social de San Francisco poidan levarse á boca receitas como pescada ao vapor con caldeirada de patacas, pasta con atún vermello e tomate ou repolo guisado con garavanzos.

O cociñeiro poiense do Grupo Nove está a destinar para esta encomiable labor non só boa parte dos alimentos non perecedoiros dos que dispón o propio comedor, senón tamén produtos doados polos seus propios provedores, como Somen Hostelería, Frigoríficos Bandeira ou Balfregó. Non obstante, Solla conta para elaborar os pratos con materia prima de primeira calidade que, en boa medida, ían destinados a banquetes, eventos e vodas agora cancelados por mor do Covid-19.

A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, subliñou “o enorme xesto que, unha vez máis, están a levar a cabo Pepe Solla e o seu equipo, ofrecendo comida de primeira calidade ás persoas máis vulnerables, que o son aínda máis en plena pandemia”.