O estudo de viabilidade do proxecto para destapar e recuperar o río dos Gafos entra na súa fase final coa contratación do levantamento topográfico

43
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural destinou unha achega de case 10.000 € á realización desta peritaxe dos terreos, que realizará a oficina técnica Alfredo Agra SL

O estudo contratado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para analizar a viabilidade do proxecto para destapar e recuperar o río dos Gafos entrou na súa fase final despois de que o departamento que dirixe Iván Puentes contratase o levantamento topográfico dos terreos cunha achega de 9.680 €. O edil socialista acaba de asinar o expediente polo que se lle encomenda á oficina técnica Alfredo Agra SL a realización desta peritaxe pormenorizada, que permitirá iniciar o deseño de propostas máis concretas para a renaturalización e integración do treito urbano do afluente ao seu paso polo barrio de Campolongo.

Completada a primeira etapa de análise da viabilidade do proxecto, que incluíu un estudo pluviométrico e a investigación histórica do trazado do cauce e dos motivos do seu soterramento, o levantamento topográfico permitirá incorporar agora información máis detallada sobre o contorno que formará parte do ámbito de actuación, así como das seccións do cauce, o leito soterrado, a pendente e as zonas de entrada e saída do río no túnel (augas arriba de Alcalde Hevia e abaixo de Xeneral Rubín, respectivamente).

O estudo topográfico de detalle contratado por Medio Natural, a través do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, levarase a cabo nunha superficie total duns 500.000 metros cadrados e contempla a elaboración dun inventario dos diferentes obstáculos que na actualidade presenta o cauce, tanto en anchura como en altura. Segundo sinala Iván Puentes, “isto permitiralles aos equipos técnicos efectuar un labor de selección de alternativas e propostas de actuación en torno a aspectos como a eliminación das canalizacións de augas residuais das marxes do leito ou as tipoloxías construtivas e de deseño máis axeitadas para compatibilizar a restauración ambiental e paisaxística de toda a ribeira do río coa súa inserción na trama urbana da cidade”. 

“Teranse moi en consideración aspectos como a accesibilidade dende as rúas adxacentes -apunta o concelleiro do PSOE- ou a posibilidade de creación de novas zonas verdes e lecer para o goce da cidadanía”.

Analizáronse os riscos de inundación

Os primeiros labores levados a cabo para esta análise da viabilidade do destape e recuperación paisaxística do Gafos orientáronse a poñer de manifesto a perda de calidade medioambiental e urbana que o soterrado do río provocou ao longo destes anos. Asemade, o estudo pluviométrico permitiu definir as cuncas que achegan auga ao río, tanto as de regatos naturais como as do sistema municipal de augas pluviais que descargan no treito que se está analizando. “Deste xeito -explica Iván Puentes- xa se coñece o efecto das precipitacións no afluente do río, tanto para as situacións ordinarias como nas avenidas”. 

Estes datos teóricos sobre os diferentes niveis que alcanza o río dos Gafos fan posible coñecer as zonas con risco de inundación, o que, unha vez cotexado coas estatísticas históricas de choivas e con outras informacións dispoñibles, permitirá definir as condicións de deseño do novo cauce restaurado coa mellor previsión fronte a posibles episodios de asolagamento.