A corresponsabilidade centra a campaña de sensibilización impulsada por Igualdade con motivo do 8M

100
  • A concelleira Paloma Castro presentou hoxe un programa de actividades que inclúe unha exposición efémera e un ciclo de charlas titulado ‘Mulleres, discriminación sen fronteiras’

A corresponsabilidade nos coidados da familia e nas tarefas domésticas será a temática central da campaña impulsada pola Concellería de Igualdade de Pontevedra con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A responsable do departamento municipal, a edil Paloma Castro, presentou hoxe en rolda de prensa o variado programa de actividades e accións reivindicativas organizadas, entre as que se inclúen un flashmob, unha obra de teatro, un espectáculo de baile, unha exposición efémera e un ciclo de charlas titulado ‘Mulleres, discriminación sen fronteiras’.

A socialista lembrou que “dende fai máis de 100 anos, o 8 de marzo é un día no que se celebran os dereitos conquistados polas mulleres en tódolos ámbitos e no que se conmemora a longa historia de loitas e sacrificios para conseguilos”. Unha loita que, ao seu modo de ver, “debe continuar, xa que aínda queda moito camiño por percorrer ata acadar a desexada igualdade real entre homes e mulleres e, en definitiva, un empoderamento completo das mulleres no marco da sociedade actual”.

Baixo os lemas complementarios ‘Equilibra a sociedade, asume a túa responsabilidade’ e ‘Colle o relevo da corresponsabilidade, chegaremos á meta dunha sociedade máis xusta’, a campaña deste ano pretende suliñar o feito de que, a día de hoxe, as tarefas domésticas e os coidados, tanto dos pequenos como dos maiores, seguen a recaer maioritariamente nas mulleres, que a miúdo compatibilizan estes cometidos co seu traballo profesional. “O primeiro dos lemas reflexa a situación actual e fai reflexionar sobre a mesma; e o segundo, pretende dar unha directriz de comportamento. As mensaxes van dirixidas non só aos homes, senón tamén a algunhas mulleres que deben darse conta de que é o momento de dar un golpe na mesa e plantarse na casa”, suliñou Paloma Castro.

Esta campaña difundirase a través de medios de comunicación, bolsas de tea, mupis e bandeirolas situados en diferentes puntos da cidade, estando previsto para o martes 3 de marzo o despregue dunha grande pancarta na fachada da Casa Consistorial. O edificio do antigo Consistorio e a Praza de España serán tamén escenario o luns 2 de marzo dunha exposición efémera organizada en colaboración coa Universidade de Vigo e que xa se levou a cabo en diversos países, como México, Estados Unidos, Italia, Turquía, Francia, Congo, Tailandia ou Australia.

Segundo explicou a concelleira de Igualdade, “trátase dunha intervención que consistirá na colocación dun centenar de retratos a gran escala de mulleres do municipio de Pontevedra, cos que se xerará unha unión de espazos entre a Casa Consistorial e a facultade de Belas Artes”. “A exposición é efémera -aclara Paloma Castro- porque son retratos en papel e, polo tanto, durará máis ou menos en funcións das condicións meteorolóxicas. A finalidade é utilizar a arte urbana como ferramenta de transformación social, visibilizando a forza das mulleres tanto rurais como urbanas de todo o municipio”.

 Referentes internacionais do activismo feminista

O Teatro Principal acollerá o sábado 7 de marzo ás 19:30 horas as conferencias do ciclo ‘Mulleres, discriminación sen fronteiras’, no que intervirán tres mulleres con gran peso internacional na loita feminista, que se atopan residindo en España na condición de refuxiadas e que son referentes de activismo feminista nos seus países. Así, Georgina de los Ángeles Molina, activista defensora dos dereitos humanos en Nicaragua e psicóloga especialista en tratamento e acompañamento de agresións e abusos sexuais, protagonizará unha ponencia sobre ‘As múltiples violacións aos dereitos humanos que viven as mulleres en Latinoamérica e a resistencia que desenvolven de maneira colectiva’.

Outra das charlas será impartida por Nasra Amah Iahdih Said, muller saharahui impulsora dunha plataforma feminista na que se denuncian e visibilizan as prácticas vexatorias que se producen na sociedade saharaui e noutras sociedades musulmás, e versará sobre ‘O feminismo nos países de maioría musulmá: a situación das mulleres que proceden dunha cultura musulmá e o feminismo identitario’. O cadro de relatoras complétase con María Isabel Menéndez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Burgos e experta en estudos sobre muller, xénero e feminismo, que fará unha intervención titulada ‘Construción de imaxinarios nas industrias culturais: violencia simbólica e pornificación como biopolítica do desexo’.

Paloma Castro avanzou que, sen ben “por respecto aos actos doutros colectivos, non se realizarán eventos dende a Concellería de Igualdade o propio domingo 8 de marzo”, a edil do PSOE si acudirá á concentración feminista promovida polas diversas asociacións e convida “a toda a cidadanía a facer o propio”. Será ao día seguinte, o luns 9 de marzo, cando teñan lugar os actos organizados polos membros do Consello da Muller Nova e o alumnado de Secundaria tome a Praza da Ferrería (ás 12.30 horas) e adquira todo o protagonismo.

“Os estudantes do IES Frei Martín Sarmiento teñen preparada unha representación de baile coa canción de Rozalén ‘La Puerta Violeta’ e unha peza teatral curta titulada ‘Sororidade’. Asemade, membros de NeoFem e alumnos do IES Sánchez Cantón elaboraron un flashmob con música e unha letra baseada na corresponsabilidade”, apunta Castro.