Yoya Blanco pon en marcha a tramitación do concurso para adxudicar as 55 bancadas e 7 casetas que quedan libres no primeiro andar do Mercado de Abastos

43
  • A concelleira explica que xa se están a recompilar datos e actualizar pagamentos “para non ter que rescatar ningunha concesión” e confía en que poidan sacarse adiante “antes do verán”
  • Unha vez se complete este proceso, a edil de Promoción Económica iniciará o procedemento para sacar a concurso as 14 casetas que quedan sen adxudicar no andar superior da Praza municipal

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, ven de poñer en marcha a tramitación do concurso para adxudicar os 62 postos (55 bancadas e 7 casetas) que quedan libres no primeiro andar do Mercado de Abastos. Nestes momentos, os servizos técnicos municipais xa están a recompilar datos e actualizando pagamentos para non ter que rescatar ningunha concesión, polo que a concelleira confía en que o procedemento administrativo poida sacarse adiante “antes do verán”.

Segundo avanza Yoya Blanco, o seu departamento ten a intención de “sacar a concurso tódolos postos que quedan libres (37 bancadas), así como aqueles concedidos en autorización, que se outorgan por ano prorrogable ata un máximo de catro (unha situación na que se atopan en 18 postos)”. “Se sumamos as 37 bancadas libres, as 18 en autorización e as 7 casetas -aclara a socialista- estariamos a falar de 62 postos do total de 225 existentes na planta baixa do Mercado (178 bancadas e 47 casetas)”.

Blanco lembra que “acadar a dinamización e posta en valor da Praza de Abastos” converteuse nunha das súas prioridades dende que se fixo co mando da Concellería de Promoción Económica, polo que este proceso de adxudicación suporá “un importante paso adiante nesta dirección”.

Non obstante, unha vez que se complete o procedemento relativo ao primeiro andar do Mercado de Pontevedra, a edil ten previsto poñerse tamén “mans á obra coa tramitación dos postos que quedan dispoñibles no gastroespazo”. En concreto, das 42 casetas das que dispón o segundo andar do edificio da rúa Serra, actualmente atópanse en funcionamento 21 casetas repartidas entre 12 postos, dúas irán destinadas á cociña do CIFP Carlos Oroza, tres a albergar os talleres de O Ganapán, dúas a consignas e as restantes 14 sacaranse a concurso: 11 postos, oito deles dunha soa caseta e tres de dúas.

Unha ordenanza que precisa dunha actualización

Yoya Blanco avanza que, unha vez rematados estes trámites de adxudicación de postos baleiros, o Servizo de Promoción Económica centrarase na “actualización da ordenanza de mercadillos”, unha cuestión “que haberá que analizar concienzudamente”, xa que “a que temos vixente é de 1997 e non está ao día coa normativa actual de venda ambulante”. “Debemos estudar con calma -suliña a concelleira- se resulta factible modificar a que xa temos ou crear unha nova”.

En calquera caso, a nova ordenanza ofrecerá un marco legal non só aos concesionarios dos postos ambulantes do Recinto Feiral e a Praza Marqués de Valterra, senón tamén aos que disporán dun posto no mercadillo de antigüidades da rúa Serra unha vez se complete a súa regularización.