O Goberno visita instalacións deportivas en Portugal para iniciar a tramitación do Pavillón da Parda

92

Coa idea de sacar adiante neste mandato o proxecto dun novo Pavillón municipal nos terreos da Parda, o Goberno municipal acudiu onte a visitar distintas instalacións de referencia e de última xeración en dúas localidades portuguesas, para coñecer as necesidades reais e actuais deste tipo de instalacións e tamén que sirvan de inspiración para o gran proxecto que se quere desenvolver na Parda.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, que xa teñen adiantado que a posta en marcha do proxecto da Parda se trata dunha aposta de Goberno, trasladáronse ás localidades de Vila Nova de Gaia e de Guimaraes para ver distintas instalacións deportivas. Estiveron acompañados do arquitecto municipal, Ángel Velando, e do Xefe do Servizo de Deportes, Jaime Agulló.

En Vila Nova de Gaia visitaron o Centro de alto rendemento de Taekwondo e Tenis de Mesa e en Guimaraes a Academia de Ximnástica. Estiveron acompañados de distintos responsables dos gobernos locais na súa visita á instalación.

O alcalde e o tenente de alcalde confirmaron que a intención é poñer en marcha o proxecto do Pavillón da Parda neste mandato, así como a reforma do Pavillón da Once para as disciplinas de Taekwondo e Esgrima, e mellorar as instalacións deportivas de Monte Porreiro para garantir a práctica de disciplinas como o Tenis de Mesa nas mellores condicións posibles.