Paloma Castro asegura que o Concello “non vai descansar ata que o autor do envelenamento da colonia de gatos de Estribela o pague moi caro”

35
  • A edil de Benestar Animal lembra que o caso está denunciado por Difusión Felina ante a Policía Nacional e que “o peso da lei caerá con forza contra os que protagonicen estes desalmados actos”

A concelleira de Benestar Animal, a socialista Paloma Castro, asegurou hoxe que a Administración municipal “non vai descansar ata que o autor ou autores do envelenamento da colonia de gatos de Difusión Felina en Estribela o paguen moi caro”. A edil do PSOE lembra que o caso xa foi denunciado ante a Policía Nacional o pasado 31 de xaneiro e que “o peso da lexislación caerá con forza contra todos aqueles que protagonicen estes desalmados actos”.

Segundo consta na citada demanda, os feitos tiveron lugar o día 28 de xaneiro nas inmediacións da rúa das Laxes, onde varios gatos propiedade da asociación Difusión Felina, protectora que se encarga de desenvolver o plan CES (Captura, Esterilización e Solta) promovido polo Concello de Pontevedra, apareceron en estado grave e con síntomas compatibles cun cadro de envelenamento. Unha sospeita corroborada nun informe que a Clínica Veterinaria Mourente elaborou despois de atender a un dos animais afectados, que presentaba dificultade respiratoria severa, ataxia, diarrea profusa, urina alaranxada e resposta esaxerada a estímulos, e que, tras un intento de estabilización con fluidoterapia e tratamento de soporte, evolucionou nunhas horas a estupor, coma e morte.

“O informe sinala que, dados os antecedentes de máis gatos da mesma colonia cos mesmos signos de aparición súbita e co mesmo desenlace (en datas anteriores apareceran outros animais mortos ou enfermos), o cadro resulta moi compatible cunha intoxicación de orixe descoñecida”, suliña Paloma Castro.

A concelleira socialista constata que a colonia de gatos de Estribela (con 12 gatas castradas e varios machos) “viuse seriamente afectada por este miserable envelenamento, xa que se rexistraron diversas mortes e moitos dos animais apenas comen e se atopan en mal estado de saúde”. Tal e como apunta Castro, “existen algunhas sospeitas sobre a autoría desta intoxicación”, polo que, de confirmarse, “o culpable vai arrepentirse do que fixo”. “Son prácticas que, por desgraza, aínda resultan máis habituais do que sería desexable nunha sociedade decente. Esta Concellería vai permanecer vixiante e a lei fará que o pensen dúas veces”, advirte a responsable de Benestar Animal.