Manel Loureiro e Manuel Jabois convídannos a namorarnos do comercio de Pontevedra na campaña impulsada por Yoya Blanco co gallo de San Valentín

136
  • A iniciativa ‘Namórate de Pontevedra’ distribuirá polos escaparates dos comercios da cidade corazóns con máis de 400 versos de amor de Fina Casalderrey, Rosalía de Castro ou Cuña Novás  

Os escritores pontevedreses Manel Loureiro e Manuel Jabois, entre outros, convídannos a namorarnos do comercio local de Pontevedra na campaña impulsada pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, co gallo do 14 de febreiro, Día de San Valentín. A iniciativa, que foi presentada hoxe na Casa da Luz por Blanco en compañía do seu “padriño de ouro” Manel Loureiro, ten o obxectivo, tal e como sinalou a edil do PSOE, “de fomentar as compras no pequeno e mediano comercio da nosa cidade coincidindo coa celebración dunha data tan especial para @s que somos romántic@s como o día dos namorados”.

A concelleira socialista pretende así que os escaparates de Pontevedra “se vistan de amor con corazóns cheos de poesía, a través dos versos de varios dos mellores escritores galegos, facendo que os viandantes se deteñan ante as sensacións visuais e emocionais que exhibirán os establecementos”. Deste xeito, lembraranse, en formato corazón, con máis de 400 versos repartidos polos comercios locais, os poemas de amor máis representativos de Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez ou Manuel Cuña Novás, e doutras escritoras e escritores máis actuais como Fina Casalderrey, Ana Corzo, Loli Beloso e os propios Manuel Jabois e Manel Loureiro.

A campaña da Concellería de Promoción Económica e Turismo púxose en marcha esta mesma mañá co inicio da distribución dos corazóns entre un total de 350 comercios. En concreto, estánselles a entregar a cada un catro corazóns troquelados impresos a dúas caras: dous deles con verbas de amor e os nomes dos autores en tamaños 40×40 e 50X50 centímetros, un en tamaño 25×25 desexando un ‘Feliz San Valentín’ e outro de 10×10 cun corazón branco sobre fondo vermello.

Segundo precisou Yoya Blanco, os establecementos colocarán os corazóns nos seus escaparates colgados con lazos ou tanza (700 deles cos poemas, 350 coa felicitación de San Valentín e 350 cun corazón branco sobre fondo vermello).