Desenvolvemento Sostible pon en marcha as obras de construción do novo parque infantil de Médico Ballina

28
  • A empresa Bricantel España SL inicia a actuación, que ten un prazo de execución previsto de tres meses, cos traballos de desbroce e acondicionamento da parcela de 1.198 metros cadrados 

Despois de que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) efectuase a apertura dos cadeados que pechaban a parcela, a empresa Bricantel España SL procedeu hoxe, en presenza dos concelleiros de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Promoción Económica, os socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco, a poñer en marcha os traballos de construción do novo parque infantil da rúa Médico Ballina. Deste xeito, tal e como indicou Puentes, a firma adxudicataria comezou coas actuacións de desbroce e acondicionamento dos terreos situados na pasarela sobre as vías do ferrocarril, como paso previo á creación da futura zona de lecer e xogos para nenas e nenos.

O edil do PSOE amosou a súa “gran satisfacción por ver que, tras unha farragosa tramitación, este proxecto que se enquistara durante o anterior mandato poderá ao fin facerse realidade” baixo a súa xestión. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible lembra que, en base ao prego de condicións técnicas, as obras teñen un prazo de execución máximo previsto de tres meses, polo que agarda que “os veciños poidan inaugurar o seu novo parque infantil en primavera”.

O proxecto suporá un investimento de 157.520,79 euros e desenvolverase nunha parcela cedida polo Adif e emprazada sobre a cuberta do túnel do tren (na marxe dereita da estrada, en dirección Pontevedra-Santiago). A oferta económica da firma Bricantel rebaixou nun 10% os 175.000 euros que se contemplaban no orzamento inicial e inclúe inspeccións integrais anuais, así como compromiso de manter pezas de reposto suficientes por un período de 15 anos dende a instalación do equipo.

As actuacións contemplan a creación dunha zona de estancia destinada aos acompañantes dos rapaces no acceso ao parque, e doutra traseira na que se instalarán os diversos xogos infantís. A área de lecer para os máis pequenos contará cun peche perimetral, un pavimento amortecedor (formado por céspede artificial e pranchas de entre 35 e 90 milímetros de grosor) e unha ampla variedade de xogos, entre os que se inclúen unha tirolina; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; un bambán con forma de cesto; dous equipos combinados (a xeito de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia; un labirinto inclusivo, e varios bambáns con resortes.

Bancos e mesas con taboleiros de xadrez e parchís

A zona de descanso disporá de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros (para xogos de mesa: xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

A Concellería de Desenvolvemento Sostible recibiu a finais de decembro, previo pago dunha taxa de 1.211,40 euros, a autorización que precisaba da Dirección Xeral de Conservación e Mantemento do Adif para poder iniciar as obras na pasarela da rúa Médico Ballina.