Medio Natural destina 24.000 euros a rexenerar as zonas verdes da Illa das Esculturas nas que se desenvolveu o Campionato de España de Ciclocross

47
  • O concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, afirma que “se o tempo acompaña, os traballos estarán completamente rematados en dúas semanas e deixarán todo mellor do que estaba”

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, supervisou esta mañá as obras que a firma Ferrovial Servicios está a acometer para rexenerar os espazos verdes da Illa das Esculturas nos que se desenvolveu o Campionato de España de Ciclocross. Tras comprobar a boa marcha das actuacións, para os que o seu departamento destinou unha contía de máis de 24.000 euros, o edil do PSOE asegurou que “se o tempo acompaña, os traballos estarán completamente rematados nun prazo dunhas dúas semanas e permitirán deixar todo aínda mellor do que estaba”.

As obras de acondicionamento son o resultado dun plan coordinado entre Iván Puentes e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e contemplan o perfilado e fresado do terreo das zonas verdes, a creación de pradeira de especies gramíneas cespitosas, a distribución de fertilizante e o pase de rotovator, antes do perfilado definitivo, o pase de rodillo, o sementado (dunha mezcla do tipo Universal), a cubrición e o primeiro rego. Segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, dado que a celebración das probas de ciclocross tamén afectou ao estado dalgúns dos camiños que conectan a Illa das Esculturas, os traballos prevén ademais a súa restauración mediante a creación dun pavimento terrizo: “Repararanse cunha capa uniforme de xabre granítico, un apisoado individual e o seu rasanteo, estendido, humectación, compactado e limpeza”.