As actividades no Pazo de Cultura e Teatro Principal contabilizan máis de 240.000 visitas

25

As actividades e eventos realizados nas instalacións do organismo autónomo Pazo de Congresos e Exposicións ao longo do ano 2019 contabilizaron un total de 243.968 visitas.  En canto ao número de actividades ascende a 590, contabilizando as que tiveron lugar no Teatro Principal, Pazo da Cultura, Sala de Exposicións e Recinto Feiral. Se as estas actividades se lle engaden as incluídas nos programas de certames como o Salón Internacional do Libro, o Festival das Núbebes, o Culturgal ou as proxeccións do Festival Internacional de Cine Amal en Ruta, o número de actividades ascende ao millar.

No eido cultural, no apartado de ‘música e lírica’ os espazos do Teatro Principal e do Pazo acolleron 96 actividades e contabilizaron un total de 31.747 espectadores e espectadoras, en ciclos como Voices, As Matinés do Principal ou Jazz no Principal, o concerto de Aninovo ou o espectáculo principal de Cantos na Maré.

No apartado de ‘teatro e danza’ foron 75 as actuacións e e 20.313 as persoas asistentes a estes espectáculos. Destacan o ciclo de teatro familiar Domingos do Principal, o ciclo Ponteatro, o Festival das Núbebes e a Tempada de Teatro do Pazo da Cultura.

No ámbito do cinema as proxeccións ascenderon a 61 e os espectadores e espectadoras a 11.320, sumando as sesións do Cineclube, Amal en Ruta, o Flop e o Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas. En canto ás exposicións, foron 31.859 as persoas que visitaron a mostra monográfica de Ana Juan, previa ao Salón do Libro, e as mostras Alba de Gloria e Diálogos na Pintura. En ‘festivais e certames ‘contabizáronse 31 eventos, entre os que destaca a Gala dos Premios Galegos da Música ou o Certame das Murgas.

Mención especial merecen as actividades para escolares, nas que destaca o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que acadou en 2019 a XX edición concentrando a 26.000 persoas ao redor dunha programación de 200 actividades. A esta cita súmanselle a oferta específica para centros escolares incluída dentro dos ciclos Luns do Principal e Ponteatro.

No apartado ‘feiras e eventos deportivos’ o recinto feiral acolleu as visitas de 117.924 persoas en citas como Etiqueta Negra, Edugal, Debut ou o Culturgal. Por último, aos ‘cursos e reunións’ celebradas no Pazo e no Teatro ao longo do ano asistiron 9.528 persoas, e a ‘congresos e xornadas’ un total de 4.904. 

Hai que lembrar que a rendibilidade dos espazos deste organismo autónomo se avalían en termos de rendabildiade social. Neste sentido, é salientable que practicamente todos os días do pasado ano algunha das instalacións do organismo autónomo estivo en uso.