Medio Natural colabora con Manos Unidas nunha campaña para concienciar sobre o impacto que o deterioro do planeta ten nas comunidades máis pobres

19
  • A iniciativa, que se porá en marcha a partires de mañá, traducirase na instalación de carteis co lema ‘Quen máis sofre o maltrato ao planeta non es ti’ en 35 mupis de Pontevedra

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, vai colaborar coa oenegué Manos Unidas nunha campaña destinada a concienciar á sociedade sobre o impacto que o deterioro medioambiental do planeta ten nas comunidades máis pobres e vulnerables. A iniciativa porase en marcha a partires de mañá e traducirase na instalación de carteis co lema ‘Quen máis sofre o maltrato ao planeta non es ti’ en 35 mupis situados en diversos puntos da cidade.

A campaña forma parte dun plan de traballo iniciado en 2019 por Manos Unidas con motivo da celebración do seu 60 aniversario, poñendo o acento na situación das mulleres do Sur e a universalidade dos dereitos humanos. Este ano continuarase abordando a mellora das condicións de vida nun medio ambiente saudable, mentres que o 2021 estará adicado a promover e defender a participación democrática como garante de xustiza e equidade. 

Co lema elixido para 2020, Manos Unidas tenta incidir na relación que existe entre o deterioro da casa común que é o planeta e a pobreza das comunidades máis vulnerables. Tal e como explica Iván Puentes, búscase suliñar o feito de que “se ben todos estamos expostos ás consecuencias do deterioro medioambiental, son esas comunidades máis pobres as que máis sofren os impactos e desequilibrios”.

A imaxe que exhibirán os mupis do Concello de Pontevedra representan a pegada que a actividade humana deixa en moitos lugares: contaminación, residuos, lixo e degradación ambiental. O cartel é, asemade, unha chamada á colaboración, apoiando ás poboacións máis fráxiles e modificando o nosos estilos de vida para coidar do planeta e camiñar cara un mundo máis xusto e sostible para todos.

Segundo apunta o concelleiro de Medio Natural, “a fame e a pobreza son dúas realidades moi vencelladas aos danos medioambientais, cuxas pegadas máis graves son a contaminación, o cambio climático, o esgotamento dos recursos, a destrución de ecosistemas, as inundacións e as sequías extremas, a desertificación e a deforestación”. “Aínda que todos sofremos cada vez máis as consecuencias do cambio climático e o deterioro medioambiental -afirma o edil do PSOE- son as poboacións máis empobrecidas do Sur as máis afectadas por estes desequilibrios. Os impactos nas reservas naturais e os ecosistemas fan perigar a vida destas comunidades”.