O turismo gastronómico e a arte rupestre levantan paixóns entre profesionais e público en xeral nos postos de Terras de Pontevedra e Turismo de Pontevedra

29
  • A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, destaca “o interese despertado pola nosa oferta de turismo familiar e os encantos naturais da contorna de Pontevedra” 

O potencial do noso turismo gastronómico, enarborado polas campañas Augas de Terras (‘Camiña entre dúas augas’) e Sabores de Terras, levantou paixóns entre os profesionais do sector nas primeiras xornadas da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur 2020) e está tamén a ser un dos principais reclamos para os visitantes durante a primeira mañá de apertura ao público en xeral. A madriña da Mancomunidade Terras de Pontevedra e de Turismo de Pontevedra en Fitur, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, destaca “o intenso traxín de xente que están a atender as dúas rapazas do stand pontevedrés e o enorme interese que despertan a nosa oferta de turismo familiar e os xacementos de arte rupestre e encantos naturais, praias e bosques da contorna de Pontevedra”.

A Mancomunidade conta en Fitur 2020 cun espazo destacado dentro da oferta que Galicia está a exhibir na Feira, cun mostrador propio cara o pasillo central do Pavillón 9 (acceso Norte), abarrotado de xente dende a apertura do evento. Terras de Pontevedra aterrou en Madrid cunha renovada imaxe de material promocional para dar a coñecer a tódolos visitantes os nosos recursos turísticos, presentando unha nova web que mellora a experiencia dos usuarios e unha app centrada no produto estrela Arte Rupestre.

Yoya Blanco, que encabezou este xoves unha delegación do Concello de Pontevedra na que tamén estiveron os concelleiros de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural e de Igualdade e Benestar, os socialistas Iván Puentes e Paloma Castro, suliñou o éxito que a nova liña de folletos e tarxetas que se están a difundir, cun formato de banda deseñada moi distintivo, que ten como protagonista á nosa embaixadora Petra e que foi creado para as campañas Augas de Terras e Sabores de Terras, “está a acadar o obxectivo de consolidar a Pontevedra como un destino turístico familiar”.

A edil do PSOE amósase “moi satisfeita polos contactos, reunións de traballo e entrevistas” que puido manter con representantes da prensa especializada no ámbito do turismo e con diversos operadores turísticos, que lle permiten regresar á cidade “cunha visión moito máis clara das cuestións que debemos potenciar”. Entre o material promocional que a Mancomunidade está a repartir en Fitur inclúense uns 4.000 folletos: 2.000 unidades da campaña Augas de Terras (‘Coñece Terras de Pontevedra e camiña entre dúas augas’) e outras 2.000 de Sabores de Terras (‘Unha viaxe pola gastronomía de Terras de Pontevedra’). Asemade, estanse a distribuír mapas de arte rupestre e uns tarxetóns que permiten descargar os folletos mediante códigos QR. 

Os folletos destas campañas pódense atopar na web de Terras de Pontevedra en formato flipbook nos seguintes enlaces (nos que tamén se fai un resumo das mesmas): 

https://terrasdepontevedra.org/terras-de-pontevedra-camina-entre-duas- augas/ 

https://terrasdepontevedra.org/terras-de-pontevedra-e-gastronomia/

Tal e como lembra Yoya Blanco, a Mancomunidade ven de reforzar o seu márketing dixital, “centrándose no lecer familiar e no produto de natureza”, e esencialmente no turismo gastronómico. “Como se come aquí, non se come en ningún lado. Somos unha potencia mundial”, asegura a concelleira de Promoción Económica e Turismo.