Máis de 50 expositores axudarán aos pontevedreses a da-lo gran paso na VIII edición do salón ‘Si, quero’

41
  • A iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e acollida polo Recinto Feiral converteuse “nunha cita obrigada para tódolos que estean pensando en unirse en matrimonio”

Máis de 50 expositores especializados en invitacións, listas, vestidos e traxes de voda, xoiería, viaxes, hoteis, restaurantes, moda para invitados, flores, fotografía ou arras, agardan no Recinto Feiral de Pontevedra esta fin de semana a todos aqueles que están pensando en da-lo paso adiante. O salón de eventos, vodas e grandes celebracións ‘Si, quero’, impulsado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, chega a esta VIII edición como “un referente a nivel galego e unha cita obrigada para tódolos que teñan entre os seus plans unirse en matrimonio durante os vindeiros meses”.

Así, o público que se achegue ata os expositores, que permanecerán abertos os días 17, 18 e 19 de xaneiro, poderán atopar resposta a cuestións como a reserva dun lugar para o evento, a contratación do servizo de fotografía e vídeo ou a selección dos traxes e a decoración. Segundo apunta Yoya Blanco, as casetas estarán abertas o venres 17 en horario de 16.30 a 20.00 horas e o sábado e domingo de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas.

“Durante estas xornadas haberá desfiles de vestidos de noiva e de festa, traxes de noivo, comuñón e arras, e mesmo demostracións de barbería ou maquillaxe, así como decenas de stands”, avanza a concelleira de Promoción Económica.