Un 24% dos alumnos LGTBIQ+ participantes na enquisa da Concellería de Igualdade sufriron agresións físicas ou verbais pola súa orientación ou identidade sexual

55
  • Un 25% dos 893 enquisados en institutos da cidade presenciaron agresións a persoas LGTBIQ+ nos seus centros e un 8,2% pensa que a homosexualidade se pode tratar cunha terapia axeitada
  • A socialista Paloma Castro constata que un 58% dos que participaron na sondaxe consideran necesaria unha titoría LGTBIQ+ ou persoal especializado para tratar cuestións de diversidade sexual

A concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro, acaba de dar a coñecer os resultados da enquisa sobre diversidade sexual e LGTBIfobia que o seu departamento desenvolveu en diversos institutos de Ensino Secundario e FP de Pontevedra no marco do programa municipal Pinto e Maragota. Algúns dos datos desta sondaxe, na que participaron 893 membros das comunidades educativas (alumnos nun 96% e profesores no restante 4%) dos IES A Xunqueira I (148), A Xunqueira II, Frei Martín Sarmiento (230), Torrente Ballester (302), Luis Seoane (124), Sánchez Cantón (59) e Valle Inclán, así como dos CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza, resultan, en opinión da edil do PSOE, “bastante preocupantes: un 24,5% dos 172 enquisados que pertencen ao colectivo LGTBIQ+ aseguran ter sufrido algunha vez agresións verbais ou físicas pola súa orientación ou identidade sexual”.

Paloma Castro lembra que tanto Pedro Figueroa, da Universidade de Vigo, como o propio alumnado axudaron a confeccionar esta enquisa, desenvolvida durante os meses de novembro e decembro, e destaca a “altísima participación da poboación estudantil”, máxime cando se trata dunha enquisa de carácter voluntario e as estimacións iniciais eran dunhas 300 persoas.

A pesares de que case o 80% dos que completaron o cuestionario afirma saber a diferencia entre orientación e identidade sexual, un 13% non o ten moi claro e un 7,7% admite non coñecela. Un grado de coñecemento moito menor é o existente sobre os colectivos aos que representan as siglas LGTBIQA, das que só un 49% sabe o significado de todas, un 35% dalgunhas e un 16% de ningunha.

Respecto da orientación sexual, a gran maioría, un 75%, decláranse heterosexuais, un 15% bisexuais e ata case un 8% non o teñen moi claro, cunha porcentaxe de gays e lesbianas que, sumado, apenas supera o 3%.  E no que atinxe á identidade de xénero dos enquisados, un 93,5% síntese CIS (identificad@s co xénero que lles asignaron ao nacer), 10 persoas trans (non identificados co xénero asignado), 10 non binarias e 8 de xénero fluído.

Segundo apunta Paloma Castro, outro dato preocupante da enquisa é o feito de que, da decena de persoas que afirmaron non sentirse identificadas co xénero asignado ao nacer, “non se aplicou o protocolo educativo para persoas trans na metade dos casos e un 20% descoñece se o aplicaron ou non”. “Tamén resulta algo inquedante -suliña a socialista- que un 9,4% dos participantes na enquisa crean que a transexualidade é unha enfermidade ou teñan dúbidas sobre elo e que un 8,2% pensen que a homosexualidade se pode tratar cunha terapia axeitada e un 9,1% non teñan clara esta última posibilidade (o que suma un 17%)”.

Illamento e dificultades para saír do armario

A sondaxe da Concellería de Igualdade tamén pon de manifesto o elevado grao de illamento que sofren aqueles que saen do ‘heteronormativismo’: das 172 persoas que declararon ser LGBTIQ+, un 20% asegura terse sentido excluíd@ algunha vez no seu centro educativo pola súa orientación sexual ou identidade de xénero e un 60% non saíu aínda completamente do armario (nun 52% sábeno só algunhas persoas, principalmente amigos, e un 8% seguen totalmente dentro).

Paloma Castro explica que “as persoas que recoñecen estar aínda dentro do armario fano por medo a perder as amizades, temor ao rexeitamento da familia, por vergoña, por medo a sufrir agresións ou ata porque lles poida afectar ás cualificacións escolares”. 

A socialista precisa que na enquisa tamén se fixeron “un par de preguntas trampa para comprobar os prexuízos que persisten entre os xóvenes” e que amosan respostas “que resultan difíciles de asumir nunha sociedade democrática, igualitaria e diversa, como que ata 42 persoas enquisadas sufriran agresións verbais (nun 83% dos casos), físicas (un 7%) ou ambas (9,5%) pola súa orientación sexual ou identidade de xénero”. Tal e como sinala, “o 45% deles nin sequera se atreveu ou puido informar a alguén de ditas agresións, xa fora por medo, vergoña ou ben porque no lle deron importancia”.

“Un 25% do total dos enquisados nos institutos pontevedreses presenciou directamente nalgunha ocasión agresións verbais ou físicas a persoas LGTBIQ+ no seu propio centro, e un 35,6% declara ter escoitado falar ou terse enterado indirectamente de agresións acontecidas no mesmo. Son cifras preocupantes e que nos indican que aínda queda moito por facer e traballar para acadar unha normalidade real da diversidade sexual nos centros educativos e na sociedade en xeral”, apunta a concelleira de Igualdade.

A enquisa tamén convidou ao conxunto do alumnado a reflexionar sobre se algunha vez agrediran verbal ou fisicamente a alguén por cuestións de identidade ou orientación sexual, resultando que ata un 3% do total (27 persoas) recoñeceron que si. No apartado final, destinado a valoracións, varias persoas recoñeceron que si tiñan agredido aos seus compañeiros con insultos como ‘maricón’ ou ‘bollera’, pero que aínda que inicialmente non pensaban que iso podía ser unha agresión, grazas á enquisa reflexionaran e recoñecían que se arrepentían de telo feito.

Case un 14% dos participantes na enquisa cre que o seu instituto non é un espazo seguro para as persoas LGTBIQ+ e preto dun 36% di descoñecer se o é. 

Titorías especializadas

Ao entender de Paloma Castro, “os centros educativos teñen aínda moito por facer á hora de formar ao alumnado en diversidade sexual e de xénero, xa que un 26% dos 893 enquisados sostén que xamais recibiu información sobre estas materias no seu instituto e outro 14% non se lembra de tela recibido”. Do 60% que si a recibiu, un 35% pensa que non foi suficiente e case un 20% non o ten claro.

A visión da edil do PSOE é compartida pola meirande parte dos estudantes que completaron o cuestionario do Concello: un 78% deles considera relevante que a diversidade sexual sexa tratada no seu centro e o 58% ve necesario que se dispoña dunha titoría LGTBIQ+ ou de persoal especializado para tratar estas cuestións.

Paloma Castro destaca que “a valoración da enquisa foi eminentemente positiva, con moitos comentarios privados que remarcaban a necesidade de tratar máis temas sobre cuestións sexuais (non só de diversidade sexual, senón de sexo en xeral) nos centros de ensino”. Entre as suxestións inclúense as de afondar nestes asuntos, non só no ámbito educativo senón tamén no familiar, e repetir a enquisa nos centros cada certo tempo para comprobar a evolución dos resultados.

Moitos docentes recoñeceron que a enquisa lles servira de escusa para tratar cuestións LGTBI nas aulas, nalgúns casos por primeira vez, e que o propio proceso de redactar contidos, reflexionar sobre as preguntas e respostalas era xa un exercicio necesario e positivo tanto para o profesorado como para o alumnado. 

“A enquisa -engade a edil de Igualdade- pon de manifesto o numerosa que é a comunidade LGBTIQ no seo dos centros escolares, e polo tanto a necesidade de realizar un esforzo e de poñer o foco de atención na formación, sensibilización e dignificación da mesma. De cara ao futuro, marcámonos o reto de seguir analizando a situación do colectivo no conxunto da cidadanía pontevedresa”.