Boa Vida e Benestar Social organizan unha cea solidaria de Nadal para que ninguén pase so a Noiteboa

89
  • A Concellería que dirixe a socialista Paloma Castro achegou 8.000 € ás entidades da Redeaxuda para a adquisición de alimentos que chegarán ás familias con menos recursos durante as festas

Unhas 60 persoas en situación de vulnerabilidade que se atopan soas están convidadas á cea solidaria de Nadal organizada pola Asociación Boa Vida e a Concellería de Benestar Social para a noite do 24 de decembro. O convite terá lugar no local social da Parroquia de Santa María (na rúa San Martiño) a partires das 20:30 horas e contará cun menú composto por langostinos, ameixas á mariñeira, sopa de peixe, rolo de carne, caldeirada de abadexo, tarta de cenoura, doces de Nadal, bebidas sen alcohol, café e infusións.

As persoas que participarán na cea foron derivadas polas traballadoras sociais e polas entidades que conforman a Redeaxuda. Segundo indica a concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, “o obxectivo desta noite solidaria para compartir é que ninguén teña que pasar so unha data tan cargada de significado como esta”.

Esta cea de Nadal ten ademais unhas características que a fan única, xa que as propias persoas en situación de vulnerabilidade participan do proceso de publicidade e de organización da mesma, con tarefas que van dende o cociñado ata a posta e recollida da mesa. “A Asociación Boa Vida converte así un banquete que se podería solventar coa contratación dun catering nun proceso de solidariedade, coidado do próximo e formación en valores”, suliña Paloma Castro.

Para facelo posible, o colectivo convocou a 15 persoas que están en proceso de procura de emprego a un seminario de formación destinado a poñer en común os coñecementos aprendidos ou adquirir uns novos, incluíndo a planificación, execución e avaliación dunha cea familiar: deseño, análise de custos, cociña, montaxe, atención de comedor… Un total de 36 horas, das que 18 están cubertas por unha bolsa de formación de 108 euros por persoa, e nas que, á marxe do desenvolvemento de habilidades puramente laborais, tamén se contempla o doutras destinadas á promoción da participación dos comensais (estimularase a dinámica da cea en réxime de autoservizo para aqueles que poidan realizalo).

A este convite de Noiteboa asistirán unha traballadora social e unha voluntaria da Asociación Boa Vida e o párroco de Santa María, Javier Porro, que tivo a xentileza de ceder gratuítamente o local social parroquial para a celebración solidaria. Tal e como afirma a concelleira de Benestar Social, o que se busca con esta cea, coordinada pola traballadora social Charo Romero, é que sexa “un momento de compartir, semellante a unha familia, independentemente da situación económica ou o sentir relixioso de cada un”.

Cobertura das necesidades básicas a través da Redeaxuda

O departamento que dirixe Paloma Castro distribuíu unha achega de 8.000 € entre as entidades da Redeaxuda (Comedor de San Francisco, Rexurdir, San Vicente de Paúl, Cáritas, Fundación Amigos de Galicia e Club de Leones) para a adquisición de produtos alimenticios que se farán chegar ás familias con menos recursos da nosa cidade. A edil do PSOE asegura que “se trata fundamentalmente de produtos frescos, que son os máis demandados, cos que se busca garantir a cobertura de necesidades básica durante este Nadal”.

Esta achega económica complementarase co programa ‘en(Volve)’, organizado un ano máis polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Fundación Meniños e que busca conseguir que ningunha nena, neno e adolescente quede sen agasallo este Nadal.