As bandas da primeira edición de Xeración Sónica presentan disco

0

As bandas da primeira edición do proxecto musical impulsado polo Concello ‘Xeración Sónica’ presentarán mañá o seu primeiro disco nun acto que terá lugar na Sala Karma ás 20h e no que actuarán as bandas Kid Cobra, Froalla, Haku e Rebel Spirit. Anunciárono esta mañá o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, e o coordinador do proxecto, Gonzalo Maceira, ao tempo que aproveitaron para convidar á veciñanza a acudir á presentación destas recén formadas bandas.

Alberto Oubiña lembrou que ‘Xeración Sónica’ se promove como un proxecto orientado á mocidade de entre 13 e 16 que o que busca “é formar á nova xeración de músicas e músicos pontevedreses”. Da edición de 2018 conformáronse as bandas que participan no CD: Kid Cobra, Froalla, Mushu, ITH!, Alan e Rebel Spirit. Ademais do disco en formato físico, tamén estará dispoñible nas principais plataformas online de música. 

O concelleiro lembrou que as bandas conformadas no proxecto xa participaran en eventos celebrados na cidade, como o Surfing the Lérez, o Galegote, o Culturgal e A pé de rúa. Explicou, ademais, que o disco que mañá verá a luz naceu dun evento realizado no mes de abril no que participaran empresas de cultura creativa do proxecto ‘Pontevedra ten un puntazo’ que amadriñaron as bandas para que gravaran un videoclip nos seus establecementos -que tamén verá a luz en breve- e que fixeron as achegas precisas para a gravación do CD. As empresas colaboradoras, todas de Pontevedra, son Edigal, Panadería Xeve, Xeneme, Elefantes de Cacharrería, Sala Karma, Saraiva, Kamikame e ArteCalavera.

Por último, Oubiña indicou que o proxecto ‘Xeración Sónica’ busca “aproveitar as potencialidades que temos na cidade, como o local de ensaio, unha amplísima cultura musical tanto desde o sector privado como desde diferentes iniciativas públicas que se están facendo e tamén a mocidade interesada na música”.

Pola súa banda, Gonzalo Maceira explicou que as mozas e mozos que participan en ‘Xeración Sónica’ son persoas “con coñecementos de música e con instrumento propio que o que precisan é un impulso e apoio institucional para xuntarse, formar banda propia e sacar adiante un proxecto musical”. Tamén adiantou que o selo discográfico ArteCalavera editará os traballos das bandas nacidas de ‘Xeración Sónica’ “sen ningún ánimo de lucro, só para difundir as bandas que nacen en Pontevedra”.