Tino Fernández asina a solicitude para acadar a cesión de uso dos xardíns da Uned en Monte Porreiro

17
  • O alcalde accidental explica que se trata do “primeiro paso formal en firme para facer realidade o proxecto da Concellería de Medio Natural de abrir o parque para o uso e desfrute da veciñanza”

O alcalde accidental, Tino Fernández, asinou esta mañá a solicitude que o Concello de Pontevedra remitirá á Xunta Reitora da Uned para acadar a cesión de uso dos xardíns do centro asociado de Monte Porreiro. Tal e como apunta o socialista, trátase do primeiro paso formal en firme adoptado polo Goberno local para facer realidade o proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de abrir este valioso parque para o uso e desfrute da cidadanía, en especial para os veciños do barrio”.

O escrito asinado por Fernández será remitido á Uned dende a Alcaldía para a súa aprobación na seguinte sesión ordinaria da Xunta Reitora da Uned. Nel solicítaselle ao Patronato da Universidade a Distancia en Pontevedra “unha cesión de uso ou a fórmula xurídica que a Uned atope máis axeitada, que permitan iniciar os trámites administrativos dirixidos a materializar unha apertura e mellora do parque co fin de posibilitar o seu uso pleno pola veciñanza de Pontevedra, así como para unha óptima conservación e mantemento deste valioso espazo verde”.

A petición escrita polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible suliña o “gran valor paisaxístico” dos xardíns do centro asociado, “con exemplares arbóreos centenarios impregnados da historia de Pontevedra dende a Granxa de Monte Porreiro”. “Se ben este espazo pode ser visitado pola veciñanza a través da entrada existente cara ao aparcadoiro, é vontade desta Concellería que a inserción do parque na cidade e no barrio sexa maior… Entendemos apropiada a apertura dun acceso dende a zona máis próxima á urbanización, así como o acondicionamento do parque para mellorar aqueles aspectos que se estimen oportunos”, sinala Iván Puentes no texto de solicitude.   

Ao seu xeito de entender, “este parque, sumado á zona verde do Miradoiro, ofrece enormes posibilidades dende o punto de vista didáctico e de educación ambiental: xestión de residuos e compostaxe, horticultura, ecoloxía, ciencias forestais…”.

Novo acceso dende a rúa Italia e unha rede interna de sendas

A vontade do Concello de pechar un convenio de cesión de uso deste gran espazo verde xa lle fora transmitida de xeito informal á directora da Uned, María Troncoso, nun encontro mantido no propio centro asociado o pasado 28 de outubro. Nesta reunión, na que tamén estiveron presentes a concelleira socialista Yoya Blanco e o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, púxose sobre a mesa a intención de crear un novo acceso ao parque dende a rúa Italia (á altura do paso de cebra ubicado ante o supermercado Froiz), de optimizar a comunicación interna dos xardíns cunha rede de sendas peonís e de dotar ás chamativas especies exóticas coas que conta o parque dunha axeitada sinaléctica.

Durante aquel encontro, María Troncoso amosouse receptiva co proxecto, lembrando que, en todo caso, debía ser a Xunta Reitora, na que están representados Concello, Deputación, Xunta e Ence, a que tería a última palabra ao respecto. Asemade, a directora da Uned indicoulle a Iván Puentes que está prevista unha remodelación do edificio do centro asociado, polo que a apertura do parque da Uned estaría condicionada a finalización dos traballos de mantemento da fachada.