Paloma Castro pon en marcha un ciclo de charlas sobre tenencia responsable de animais domésticos e exóticos

39
  • As actividades informativas e de concienciación serán impartidas pola Asociación Educativa e Cultural Animais do Mundo (AECAM) e iniciaranse o 22 de decembro na Casa Azul ás 17.00 horas

No marco do conxunto de accións programadas ao longo deste mes para concienciar e educar á cidadanía á hora de adquirir e coidar das súas mascotas, a Concellería de Benestar Animal, que dirixe a socialista Paloma Castro, porá en marcha un ciclo de charlas coloquio sobre tenencia responsable de animais domésticos e de compañía. A primeira das actividades informativas e de sensibilización, que serán impartidas pola equipa de profesionais da Asociación Educativa e Cultural Animais do Mundo (AECAM) en colaboración con Kesar´s adestramento canino, terá lugar o vindeiro domingo 22 de decembro ás 17.00 horas na Casa Azul.

Os membros deste colectivo veñen de manter unha reunión coa edil do PSOE no Concello para pechar os detalles desta sesión inaugural, que está dirixida ao público en xeral (esencialmente adultos e adolescentes) e que ten un carácter gratuíto ata completar un aforo máximo de 30 persoas. Segundo avanza Paloma Castro, trátase da primeira charla “dun total de tres” e para asistir á mesma “é preciso poñerse en contacto cos organizadores a través do whatsapp 667 231 974 ou do email info@aecamgalicia.com“.

“Durante as sesións abordaranse diferentes temáticas como coidados, alimentación ou lexislación, tanto de animais domésticos como exóticos, coa finalidade de concienciar á poboación sobre a importancia que ten unha convivencia sa coas nosas mascotas. Pretendemos así evitar casos de abandonos e sensibilizar sobre a responsabilidade que supón ter animais ao noso cargo”, afirma a concelleira.

Neste sentido, Paloma Castro volve insistir en que os animais domésticos e exóticos “non son xoguetes” e agarda que iniciativas como este ciclo de coloquios axuden a evitar que nestas festas de Nadal se produzan “adquisicións compulsivas, en especial para nen@s”.