Os veciños de Pontevedra Leste terán novo parque en Santa Teresa de Jesús Jornet a principios de ano

107
  • A Concellería de Desenvolvemento Sostible incrementará de 15.000 a máis de 40.000 euros a achega do proxecto inicial co obxectivo de mellorar a seguridade e impermeabilización da praza

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira socialista Yoya Blanco, mantiveron esta mañá un encontro cos veciños da Praza de Santa Teresa de Jesús Jornet coa finalidade de explicarlles sobre o terreo o proxecto de renovación paisaxística e posta en valor que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, dirixida por Iván Puentes, vai acometer nesta contorna. Segundo avanzou Fernández trala reunión, na que tamén participou o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manolo Fontán, “os traballos poderán retomarse en canto melloren as condicións meteorolóxicas e, dado que teñen un prazo previsto de execución de mes e medio, os veciños de Pontevedra Leste terán novo parque a principios de ano”.

O tenente de alcalde comunicoulles aos moradores de Santa Teresa de Jesús Jornet que o plan impulsado por Iván Puentes “converteuse nunha proposta máis ambiciosa da contemplada inicialmente, pasando dun investimento de 15.000 euros a un de máis de 40.000”, o que permitirá, ademais de dotar á praza dun novo axardinamento, mellorar o mobiliario e aplicar pintura antiesvarante no pavimento, optimizar as condicións de impermeabilización da praza e a seguridade de todo perímetro coa colocación de varandas.

O proxecto de humanización e renovación paisaxística foi contratada á firma Jara Jardinería Calvarro SL e traducirase nunha mellora e acondicionamento integral dos espazos públicos neste barrio. Tal e como salientou Tino Fernández, “as actuacións permitirán mellorar as condicións de confort da zona mediante a renovación do mobiliario existente, levar a cabo unha renovación completa dos xardíns que rodean a praza e dotalos dun sistema de rego por goteo que permita mantelos en perfecto estado cun aforro no emprego de auga”. 

As obras contemplan un novo axardinamento coa incorporación dunha composición de especies arbustivas e tapizantes cunha variada gama de flores de diferentes cores ao longo das catro estacións. Tódolos parterres contarán cunha malla antiherbas coa finalidade de reducir e facilitar as labores de mantemento das zonas verdes. Asemade, respectarase o estrato arbóreo dos xardíns e potenciarase coa incorporación dalgunha árbore singular. 

Reposición de pavimento e reparación de bancos e cadeiras

No que atinxe á praza en si, realizarase unha mellora do mobiliario, así como do aspecto xeral da mesma, mediante o pintado en varias cores de gamas harmónicas, cunha pintura antiesvarante acaída para pavimentos. O proxecto coordinado dende o Servizo Municipal de Parques e Xardíns prevé a reparación de cinco bancos e dúas cadeiras, a reposición do pavimento, a instalación dunha tubería de polietileno e dunha mangueira de goteo e a súa conexión á rede. 

Entre as flores, arbustos e plantas que se empregarán para o axardinamento inclúense unha ducia de tipoloxías diferentes: agapantos, hedras, cotoneaster, hebes, berberis, loropétalos, olivillas, buxos xaponeses, boneteiros, azaleas e plantas espello, ademais dunha árbore de carácter singular.