Paloma Castro impulsará vías de colaboración coa Cruz Vermella na atención a persoas sen teito, maiores e familias en situación de vulnerabilidade

37
  • A concelleira de Benestar Social mantivo un encontro coa presidenta da entidade en Pontevedra, María Teresa Álvarez, e con membros da directiva da oenegué

A concelleira de Igualdade e Benestar Social, Paloma Castro, mantivo esta mañá un encontro coa presidenta de Cruz Vermella en Pontevedra, María Teresa Álvarez, e con outros membros da súa directiva, co obxectivo de analizar o traballo feito pola entidade no último ano. Durante a reunión, que tivo lugar na sede situada na rúa Cruz Vermella, a edil do PSOE fixo patente a súa intención de que o Concello e a oenegué “desenvolvan sinerxias de colaboración de cara a traballar conxuntamente no ámbito dos servizos sociais, especialmente no que atinxe a familias en situación de vulnerabilidade, persoas sen teito e maiores sós”.

Castro asegura que o Goberno local comparte a visión de Cruz Vermella “como organización humanitaria e de acción voluntaria arraigada na sociedade”, que axuda a dar “respostas integrais dende unha perspectiva de desenvolvemento ás vítimas de desastres e emerxencias, e a problemas sociais, de saúde de medioambientais”. A entidade conta con 7.092 voluntarios na provincia, levando a cabo proxectos de atención á infancia (apoio escolar, habilidades sociais e hábitos de vida saudables), persoas maiores (lecer, coidados, promoción da saúde e teleasistencia).
“Contan ademais cun centro de día para persoas maiores -suliña a concelleira- no que desenvolven actividades e talleres e cunha axuda complementaria para maiores que se atopan en situación de soidade, con acompañamentos, axuda nas tareas domésticas e outros trámites administrativos e sociais”.

Por outra banda, a Cruz Vermella dispón en Pontevedra dun servizo de reparto de alimentos para cidadáns en situación vulnerable financiado en parte co Fondo Social Europeo e en parte con fondos propios. Tamén con cartos propios reparten produtos de hixiene persoal e no fogar e colaboran na compra de medicamentos.

As persoas sen teito perciben axudas da entidade a través dun programa que se traduce en visitas solidarias tódolos xoves, co reparto de café, comida, sacos de durmir e kits de hixiene, así como obradoiros nas propias instalacións situadas na rúa Cruz Vermella.