Continúa o proceso de participación para a redacción do novo contrato do lixo

25
  • Comezou esta semana cunha reunión coas directivas das asociacións de veciños, e continuou hoxe coa patronal. Para a semana que vén están convocadas as entidades ecoloxistas da cidade.

O Concello de Pontevedra continúa adiante co proceso de participación do novo contrato do lixo mantendo encontros coas distintas entidades do concello. Esta semana comezou cun encontro cos representantes das distintas directivas das asociacións de veciños incluídas dentro das Federacións veciñais, e hoxe coa patronal da cidade (Aempe, Zona Monumental e a Cámara de Comercio).

A semana que vén, o martes, 10 de decembro, está prevista unha reunión coas entidades ecoloxistas da cidade, para continuar con outros encontros sectoriais e veciñais nos barrios e parroquias.

Nestes encontros o concelleiro responsable da xestión dos residuos urbanos, Raimundo González, informa da importancia de que o contrato sexa o máis participado posible, dado que é o máis importante do Concello. E explícaselles cales son os puntos de partida nos que hai que ir reflexionando como recollida de lixo, compostaxe ou limpeza viaria.

Ao tempo de manter encontros, a Concellaría de xestión dos residuos urbanos que dirixe Raimundo González, habilitou un espazo na páxina web municipal pontevedra.gal na que calquera persoa pode facer achegas e consultas, que se tratarán de contestar no prazo máximo de 24 horas. 

Pax: https://www.pontevedra.gal/participa/danos-tua-opinion/achegas-vecinais-sobre-o-novo-contrato-do-lixo/

O punto de partida do Goberno non está pechado, por iso quere coñecer a opinión da cidadanía. “Queremos que esta fase teña repercusión porque estamos en disposición de que teñamos un contrato do século XXI coa axuda do veciños e veciñas”, asegurou Raimundo González, por iso fai un chamamento a toda a poboación porque “é o momento en que todo o mundo poida opinar”. 

O propósito do novo contrato é o cumprimento dos obxectivos europeos acadando a reciclaxe do 50% dos residuos en 2020; o 55% en 2025; o 60% no 2030 e o 65% no 2035. Tendo clara a aposta do Goberno pola compostaxe.