Iván Puentes destina 24.000 euros á renovación de tódolos parques infantís do barrio de Monte Porreiro

172
  • A batería de obras impulsada pola Concellería de Medio Natural contempla a restauración das zonas de xogo da contorna do Mirador, a Praza de Europa e as rúas Irlanda e Portugal

Tódolos parques infantís de Monte Porreiro lucirán un ‘look’ renovado despois de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, execute a ampla batería de actuacións de mellora incluídas no seu plan de restauración de zonas de xogo do barrio. O proxecto, que executará a empresa Soluciones Técnicas de Ocio SL cunha achega económica de 23.843 euros, contempla unha variedade de actuacións entre as que se inclúen o arranxo de valados de madeira, a renovación total ou parcial dos mesmos, o acondicionamentos de pavimentos, tanto sintéticos como naturais de area, e a substitución e instalación de novos elementos (arrandeadoiros, balancíns, tobogáns, casiñas de xogo, resortes ou bambáns en forma de cesto).

Segundo explica Iván Puentes, este zafarrancho de obras concentrarase no parques da urbanización pontevedresa: as dúas zonas de lecer infantil existentes na contorna do Miradoiro, a da confluencia das rúas Portugal e Alemaña, a da Praza de Europa e a da rúa Irlanda. “Estes espazos de xogo foron obxecto dunha supervisión pormenorizada por parte dos técnicos do Servizo Municipal de Parques e Xardíns durante as pasadas semanas. Unha vez valorados os custes das actuacións, Medio Natural decidiu impulsar unha batería de melloras no barrio máis populoso da nosa cidade”, indicou o socialista.

Tal e como avanza, a súa Concellería ten previsto “trasladar de xeito progresivo este mesmo modelo de intervención á totalidade de barrios e zonas de Pontevedra para, de xeito ben planificado, optimizar o estado de conservación e a calidade dos seus recintos e xogos”. 

Iván Puentes está absolutamente convencido de que “as zonas verdes e, de xeito especial, os parques infantís, xogan un papel esencial no desenvolvemento das nenas e nenos”, posto que “lles axudan á inclusión e ao fortalecemento da súa saúde e os animan a mellora-la forma física”. “Nos parques, as nosas fillas e fillos aprenden a interactuar socialmente e potencian as súas capacidades cognitivas a través da relación co medio ambiente e cos diversos xogos. Este papel do lecer ao aire libre na educación e crecemento dos pequenos -sinala o edil- cobra un especial valor na sociedade das novas tecnoloxías, na que o exceso de tempo de lecer sedentario é frecuente”.

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns prevé poñer en marcha os traballos cara mediados de mes, comezando polos parques situados no centro da urbanización: o da Praza de Europa e o da intersección das rúas Portugal e Alemaña.