Medio Natural rematará na vindeira semana os traballos de restauración da pasarela da Illa das Esculturas

20
  • A actuación, realizada cun orzamento de 15.342 euros, supuxo a reparación dos arcos e a substitución da soleira con novas pezas de madeira de elondo, así como o empastado dalgunhas gretas

Aproveitando a ausencia de precipitacións dos últimos días, os operarios da empresa Carpintería Abilleira están a apurar ao máximo os traballos de restauración da pasarela de madeira que conecta a Illa das Esculturas co campus deportivo da Xunqueira, á altura do chiringuito, de xeito que poidan estar completados na vindeira semana. A actuación, executada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural cun orzamento de 15.342 euros, supuxo a reparación dos arcos en mal estado e a substitución da soleira con novas pezas de madeira de elondo.

A ponte, que permite atravesar o canal interno da Illa das Esculturas, presentaba evidentes problemas de conservación e síntomas de podremia, polo que resultaba imprescindible actuar para evitar que supusexen un risco para os viandantes. Entre as obras que se efectuaron incluíuse o lavado integral da estrutura e do piso da pasarela mediante a utilización dunha máquina hidrolavadora, o cepillado e lixado dos arcos para retirar tratamentos deteriorados e o empastado dalgunhas gretas de considerable tamaño.

Os obreiros de Carpintería Abilleira atopáronse cunha soleira moi deteriorada, que foi substituída por novas pezas de madeira de elondo, colocadas de xeito que eviten a acumulación de auga. O proxecto complétase coa aplicación dun lasurado protector de cor carballo/nogueira, insecticida e anti raios UV.

Tal e como constata o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, “a renovación desta ponte enmárcase dentro das tarefas regulares de mantemento coas que se busca conservar en perfecto estado de uso as diversas estruturas desta privilexiada contorna natural que é a Illa das Esculturas”. “A execución dos traballos conlevou a instalación dun andamio na propia pasarela e a colocación de diversos elementos destinados a impedi-la caída de materiais e substancias indesexables á auga. Asemade, as persistentes choivas obrigaron a para-las obras durante uns días, polo que se prolongaron máis do previsto inicialmente. En calquera caso, está a piques de rematarse e o resultado xa pinta excelente”, sinala o edil do PSOE.