Pontevedra terá unha segunda participación na COP25 para falar sobre política municipal e saúde

2
  • O alcalde participará o sábado nunha mesa redonda organizada polo Ministerio de Sanidade e que na que se prevé a asistencia de representantes municipais do Estado, Europa e Latinoamérica. 
  • Lores exporá como a política municipal levada a cabo nos últimos 20 anos mellorou saúde pública

Miguel Anxo Fernández Lores volverá este sábado a participar na COP25 para expoñer como a transformación urbana de Pontevedra afectou positivamente á saúde pública. Tras a súa intervención de onte na mesa redonda sobre “Experiencias inspiradoras: urbanismo e clima” organizada polo Ministerio de Fomento, Pontevedra foi convidada a ter unha segunda intervención, nesta ocasión desde o Ministerio de Sanidade. 

“Non nos chamaron a nós de casualidade, senón porque temos un traballo feito e uns resultados que son exemplo de boas prácticas” asegurou Fernández Lores, quen adiantou que a súa intervención se centrará nos “efectos positivos sobre a saúde que o modelo urbano de Pontevedra xerou nestes últimos 20 anos”. Na mesa redonda, que leva por título “As políticas municipais fronte á contaminación atmosférica e o cambio climático”, prevese a participación de alcaldes do Estado, Europa e Latinoamérica. 

O alcalde salientou a transversalidade do modelo Pontevedrés para formar parte de diversos foros que tratan cuestións de actualidade e preocupación a nivel mundial.  “Temos un modelo integral e por iso podemos falar da accesibilidade universal, de cohesión social, de cidade dos nenos, de cidade saudable, ou de seguridade vial” afirmou.  

Insistiu en que “como pontevedrés e como alcalde síntome orgulloso de estar sempre no punto de mira de xente que quere avanzar” e defendeu a filosofía ‘pensa globalmente, actúa localmente’ indicando que “quero pensar que nós estamos aportando o noso grao de area para que este planeta teña futuro”.

Fernández Lores afirmou que tratará “honradamente” de “poñer en valor o traballo feito polo goberno municipal coa colaboración inestimable e fundamental da cidadanía”. Entre os exemplos deste traballo relacionados coa saúde das persoas mencionou  a prevención do sedentarismo e a obesidade, aspectos que cualificou como “un dos temas de preocupación sanitaria a nivel mundial”. A este respecto mencionou a mensaxe recollida no  metrominuto e no pasominuto baixo o lema de “móvete coa túa propia enerxía” na que se anima á veciñanza a camiñar. Fenández Lores indicou que a aposta pola mobilidade peonil incide na “mellora do sistema cardiovacular, respiratorio e locomotor ” e que na base “está en relación coa recuperación do espazo público para as persoas e coa redución do uso do vehículo privado nas cidades”. Tamén fixo fincapé en que este aspecto da transformación urbana de Pontevedra xa estaba recoñecido co premio concedido en Nova York en 2015 e que “define correctamente o que intentamos facer porque é un premio de excelencia de deseño urbano saudable”.