Medio Natural investirá máis de 2.800 euros na restauración dun lavadoiro na contorna da Once

20
  • O concelleiro socialista Iván Puentes asegura que a actuación “permitirá reparar algunhas gretas e fisuras que apareceron no alxibe e que fan que a auga se filtre a través da pedra” 
  • O edil do PSOE tamén asinou a contratación do servizo para a colocación dunha varanda de madeira nun treito da senda fluvial dos Gafos afectada polos últimos temporais de vento e choiva

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, investirá 2.813,25 euros na restauración dun lavadoiro situado nas inmediacións do Centro de Recursos Educativos (CRE) da Once, nun camiño adxacente á rúa Santa Lucía. O edil do PSOE asegura que esta actuación “permitirá reparar algunhas gretas e fisuras que apareceron no alxibe polo paso do tempo e que fan que a auga se filtre a través da pedra, impedindo que se estanque con normalidade”.

Segundo explica Iván Puentes, o proxecto de restauración do lavadoiro é unha obra que os propios veciños do barrio de Campolongo lle solicitaron ao pouco tempo de ocupa-lo cargo, ao tratarse “dun equipamento que, á marxe da utilidade que se lle dá, ten un valor patrimonial e inmaterial para a xente que vive na zona”. Neste sentido, o socialista lembra que a Concellería de Medio Natural ten en marcha un plan para manter en boas condicións algúns dos tradicionais lavadoiros existentes nas áreas urbana e periurbana de Pontevedra.

Ademais de contratar esta intervención, o departamento que dirixe Puentes tamén ven de asinar a contratación do servizo para a colocación dunha varanda de madeira na senda peonil dos Gafos, á altura do Avelino Montero. Tal e como indica o edil socialista, “trátase dun treito de varanda que se viu afectado polo últimos temporais de vento e choiva e que será arranxado coa maior celeridade posible para garantir a seguridade de tódolos viandantes neste pasoe fluvial”.

Outro valado de madeira, neste caso para unha zona de xogos, será colocado no perímetro do concurrido parque infantil de Barcelos pola empresa Repoboacións e Desbroces do Noroeste SL grazas a un orzamento de máis de 4.800 euros.