Lores: “Antes ou despois todas as cidades van ter que tomar o camiño das políticas medioambientais”

13
  • O alcalde participa en Sevilla na xornada ‘Ciudades SOStenibles’ onde expuxo os principais fitos da transformación urbana pontevedresa e adiantou proxectos de futuro como a compostaxe e o transporte a demanda

“Obrigatoriamente, antes ou despois, todas as cidades van ter que tomar o camiño das políticas medio ambientais, porque as cidades teñen que ser habitables para as persoas” asegurou esta mañá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa intervención na xornada ‘Soluciones para un mundo SOStenible” que se está a celebrar en Sevilla. Ante as preguntas da moderadora da mesa redonda, a xornalista e directora de eldiario.es de Andalucía, Lucrecia Hevia, sobre se o modelo Pontevedra sería extrapolable a unha cidade como Sevilla, con un millón de habitantes, Fernández Lores explicou que “as cidades grandes teñen a necesidade perentoria de tomar medidas medio ambientais de redución de tráfico, aproveitando que nas cidades grandes hai un sistema de transporte público potente que non soemos ter en cidades máis pequenas”.

Ademais da exportabilidade do modelo, Lucrecia Hevia tamén insistiu en coñecer cara onde camiñará o modelo pontevedrés a curto e medio prazo. Neste sentido, Fernández Lores explicou que se está traballando nos barrios nos que aínda non se actuou con criterios de calidade urbana e tamén en trasladar estes criterios aos núcleos rurais. Ademais en materia medio ambiental, tamén explicou o novo sistema de xestión de residuos a través da compostaxe, tanto coa posta en marcha dos composteiros comunitarios na cidade e dos composteiros individuais no rural, como coa previsión da futura planta de compostaxe. Por último, tamén explicou someramente o proxecto do transporte a demanda, como un sistema de transporte colectivo con capacidade para dar servizo a unha poboación como a galega, caracterizada pola dispersión.

Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado na mesa redonda polo alcalde de Sevilla, Juan Espadas, que na presentación destacou a “valentía política” do goberno municipal de Pontevedra “para acadar a harmonía precisa para acometer a transformación da cidade”. A cuestión da vontade política e a reacción da veciñanza ante as primeiras actuacións tamén foron materia de interese. A este respecto, o alcalde pontevedrés volveu lembrar a importancia da planificación, indicando que no caso do equipo pontevedrés xa proviña dun traballo previo feito desde a oposición antes de 1999, e de traballar cun obxectivo claro e preciso. Para ilustralo, fixo un repaso polos principais datos que definen a transformación: a redución de vehículos no anel da cidade no 77% e no conxunto da cidade no 53%, a eliminación do tráfico de paso e do tráfico de axitación, a aposta polo aparcadoiro de servizos de 15 minutos, cero mortes por accidente de tráfico no centro da cidade, a redución do 67% nas emisións de CO2, e o aumento de poboación no centro da cidade. 

Por último, o alcalde fixo mención aos galardóns internacionais que Pontevedra vén acadando nos últimos anos e a proxección mundial que supón, indicando que “é boa porque nos pon no mapa, pero o mellor é que os pontevedreses e pontevedresas están orgullosas da súa cidade e fixeron seu o proxecto e iso é o verdadeiramente importante, porque sen o apoio da xente non sería posible”.

Pontevedra en Santo Tirso

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez tamén participou esta mañá na conferencia “Mobilidade sustentável: agora ou nunca”, organizada pola Jornal de Noticias na localidade portuguesa de Santo Tirso, na que se fixeron mencións expresas ao modelo de Pontevedra e foi obxecto de preguntas por parte das 150 persoas que asistiron ao evento.