A Casa das Campás acollerá o 25N un ciclo sobre os aspectos sociais e xurídicos da violencia de xénero

107
  • A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, presentará as ponencias, organizadas pola Asociación Boa Vida e protagonizadas pola avogada Maribel Álvarez e a traballadora social Viki Abadía

A Casa das Campás acollerá o vindeiro luns, co gallo dos actos reivindicativos e de sensibilización do 25N, un ciclo de charlas informativas que abordará a ‘Violencia de xénero dende o ámbito social e xurídico’. A concelleira de Igualdade e Benestar Social, a socialista Paloma Castro, será a encargada de presentar as ponencias, organizadas pola Asociación Boa Vida Inclusión Activa e impartidas pola avogada Maribel Álvarez e a traballadora social Viki Abadía.

Entre as cuestións que se van tratar neste ciclo sobre violencia de xénero inclúese a exposición dos tipos de violencia exercidos, as consecuencias da violencia nos menores, os recursos dispoñibles para as mulleres e os seus dereitos sociais e xurídicos. Durante o evento tamén se dará a coñecer a Guía de Axudas e Servizos Sociais que a Asociación Boa Vida e a Concellería de Benestar Social acaban de publicar para facilitar o acceso personalizado á información acerca das subvencións estatais, autonómicas e municipais, así como sobre as entidades sen ánimo de lucro que traballan na nosa cidade.

As charlas servirán de colofón a unha intensa xornada de actividades nas que participará a concelleira de Igualdade e que dará comezo ás 11.30 horas na Praza da Peregrina co acto ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’, que incluirá unha performance titulada ‘Pan Duro I’ e protagonizada polas artistas Ana Gesto, Isabel León, María Marticorena e Ana Matey (en caso de choiva levarase ao vestíbulo do Pazo Provincial). “A continuación, ás 12.00 horas, desenvolverase na Praza da Ferrería o acto central do 25N, no que participarán alumnas e alumnos dos colexios e institutos de Pontevedra, que farán lectura dun manifesto a través dos seus voceiros”, avanza Castro.

Non obstante, as accións reivindicativas e de visibilización contra a violencia machista terán continuidade o martes 26 de novembro coa inauguración da exposición fotográfica itinerante ‘Desartellando o amor romántico’ na Praza de Ourense (moverase á Gran Vía de Montero Ríos o día 3 de decembro co gallo das festas de Nadal e, trala San Silvestre, a outras zonas da cidade) e cun curso sobre LGTBIfobia e delictos de odio que a activista trans Ada Otero impartirá o mércores 27 na Aula de Formación da Policía Local.