CEIP San Martiño, IES Luís Seoane e CPR Calasancio, galardonados cos Premios Ernestina Otero 2019

56
  • A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, presidiu un acto que incluíu unha actuación da actriz Baia Fernández e a presentación dunha unidade didáctica de prevención das violencias machistas

O xurado dos Premios Ernestina Otero Sestelo 2019, destinados a fomentar a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos do Concello de Pontevedra, acordou por unanimidade conceder os galardóns ao CEIP San Martiño, o IES Luís Seoane e o CPR Calasancio. Os premios foron entregados hoxe nun acto celebrado no Teatro Principal, que estivo presidido pola edil de Igualdade, Paloma Castro, e que contou coa asistencia dos concelleiros Yoya Blanco, Eva Vilaverde e Demetrio Gómez.

Tal e como salientou Castro, o primeiro premio na categoría de Educación Infantil e Primaria (o segundo declarouse deserto) recaeu no proxecto do CEIP San Martiño ‘Unha mirada lila dende as pioneiras pontevedresas ata as descoñecidas científicas’, “por loitar contra os estereotipos de xénero que se marcan dende as idades máis temperás, dotando ao alumnado de ferramentas para enfrontarse a eles e acadando resultados satisfactorios e notables, e por dar a coñecer e poñer en valor as figuras de moitas das pioneiras da nosa cidade, así como de diferentes científicas e dos seus descubrimentos e investigacións”. Trala entrega do premio, pasouse un vídeo que serviu para amosar aos asistentes unha pequena parte do traballo realizado, que permitiu que os alumnos do centro visibilizasen referentes femininos nuns ámbitos nos que, dentro do ensino regrado, practicamente non aparecen.

No que atinxe á categoría de Educación Secundaria e Postobrigatoria Non Universitaria, o segundo premio foi para o proxecto ‘Radio PonteLila – A radio da igualdade’, do CPR Calasancio, pola implicación e participación activa de todo o alumnado da ESO nas distintas tarefas desta iniciativa, pola súa permanencia ao longo do curso, pola súa difusión pública a través da web e das redes sociais do produto educativo final e polo traballo realizado a prol da desmitificación do amor romántico.

O xurado outorgou o primeiro premio ao proxecto ‘Reseteando dende a educación’, do IES Luís Seoane, “por partir da necesidade de identificar actitudes e realidades discriminatorias, incidindo na necesidade de revisión e cambio activo das nosas condutas cotiás baixo o filtro da igualdade e do respecto, e por facer un traballo de reflexión profunda sobre sexualidade e liberdade no marco patriarcal e de análise crítica da prostitución e da pornografía”. Un dos vídeos realizados no marco desta iniciativa serviu para poñer de manifesto a calidade do traballo que se levou a cabo.

Visionado do vídeo ‘Violacións en cita’

O acto de entrega dos Premios Ernestina Otero estivo precedido pola presentación dunha nova Unidade Didáctica sobre Prevención das Violencias Machistas impulsada pola Concellería de Igualdade e baseada no libro ‘Invisibles. Relatos do maltrato’, de Montse Fajardo. Asemade, realizouse o visionado do vídeo ‘Violacións en cita’, da campaña municipal de prevención da violencia sexual ‘Sen o meu si, non’.

Unha actuación da poeta e actriz Baia Fernández serviu para poñerlle un broche violeta ao evento.