Igualdade promove unha enquisa sobre a LGTBIfobia nos centros de Secundaria e FP de Pontevedra

12
  • A sondaxe enmárcase dentro do Programa Municipal pola Diversidade Sexual ‘Pinto e Maragota’, impulsado pola concelleira socialista Paloma Castro, e conta coa supervisión da Universidade de Vigo

Coñecer a situación do colectivo LGTBIQ+ nos centros de Educación Secundaria e FP de Pontevedra é o principal obxectivo dunha enquisa promovida pola edil de Igualdade, Paloma Castro, no marco do Programa Municipal pola Diversidade Sexual ‘Pinto e Maragota’. A sondaxe, que se puxo en marcha esta mesma semana, está destinada tanto ao alumnado como a profesorado dos institutos e CIFP da cidade, que tamén colaboraron activamente na súa elaboración.

Segundo explica Paloma Castro, a enquisa “conta coa supervisión de distintas asociacións LGTBIQ e da Universidade de Vigo, ten un carácter voluntario (ata o dagora adheríronse oito centros), é totalmente anónima e poderá ser respondida até o vindeiro 5 de decembro”. “Abrangue cuestións -apunta a socialista- que van dende coñecementos previos sobre diversidade sexual e xénero ata a percepción que hai do colectivo LGTBIQ+ dentro dos centros ou as posibles situacións de acoso ou exclusión que poidan darse por razón de orientación ou identidade”.

Tal e como afirma a concelleira do PSOE, “faise especial fincapé nos posibles casos de bullying que algún adolescente puidese ter sufrido pola súa condición, en se denunciaron os mesmos, se sinten que o seu centro é un lugar seguro, se recibiron información en materia de diversidade sexual e se consideran importante que se trate esta temática no centro”. Neste sentido, a finalidade da enquisa é facer unha radiografía da actual situación, da percepción e necesidades do colectivo e da desinformación existente no eido da diversidade sexual e de xénero.

Paloma Castro avanza que os resultados da sondaxe daranse a coñecer a mediados do mes de decembro e “servirán como punto de partida para futuros traballos estatísticos e de opinión sobre a cuestión LGTBIQ na nosa cidade, así como para deseñar proxectos que permitan combater as desigualdades de xeito efectivo”. Entre as preguntas que alumnos e profesores poden atoparse na enquisa, que está dispoñible online no enderezo ‘www.pintoemaragota.gal/enquisa’, plantéxase a conveniencia ou non de que os centros dispoñan dunha titoría LGTBIQ ou de persoal especializado para tratar a diversidade sexual.