A estación meteorolóxica de Campolongo amplía a información en tempo real cunha pantalla led

2
  • O Concello colabora coa Xunta de Galicia nesta instalación porque encaixa perfectamente no programa Efecto PO2 que marcará a liña de traballo do presente mandato.
  • Esta nova ferramenta ofrece datos meteorolóxicos como o tempo, o solpor, as lúas, ou a calidade do aire, todos ofrecidos pola propia estación meteorolóxica.    

O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Promoción da Cidade, que xestiona Anabel Gulías, colaborou coa Dirección xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia para completar a estación meteorolóxica instalada no barrio de Campolongo cunha pantalla led que ofrece información en tempo real que recolle a propia estación. 

A instalación está realizada dende hai un mes, aproximadamente, e permite recibir información en tempo real sobre o tempo meteorolóxico; o abrente, solpor e a lúa; ou a calidade do aire recollendo dos datos de partículas PM10, NO2 (Dióxido de nitróxeno), SO2 (Dióxido de xofre), CO (Monóxido de Carbono) e Ozono, entre outros datos.

O Concello, a través da Concellaría de Promoción da Cidade, colaborou coa ampliación do proxecto de Campolongo executando toda a obra civil: canalización e cimentación para a posterior colocación do mastro e da pantalla.

A Concellaría de Promoción da Cidade considera moi importante esta colaboración coa Xunta de Galicia xa que vai na liña da campaña Efecto PO2 que unirá a acción de Goberno nos vindeiros catro anos. Efecto PO2 pretende concienciar sobre a importancia da emerxencia climática e o protagonismo que Pontevedra está a ter nesta loita, de aí accións experimentais como a que se porá en marcha antes, durante e despois da reforma da rúa Loureiro Crespo, entre outras.

Tempo meteorolóxico.
Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade.