Medio Natural elevará á Xunta Reitora da Uned unha petición formal para abrir o parque do centro asociado de Monte Porreiro ao uso e desfrute dos pontevedreses

15
  • Os socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco mantiveron unha reunión coa directora do centro para explicarlle un plan que incluiría a creación de sendas internas e dun novo acceso pola rúa Italia

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, presentará ante a Xunta Reitora da Uned en Pontevedra unha petición formal para que o Concello poida asumir de xeito definitivo o mantemento do parque do centro asociado de Monte Porreiro e abrilo ao use e desfrute da cidadanía. A intención de Puentes foille ratificada esta mañá á directora do centro, María Troncoso, nun encontro no que tamén estiveron presentes a edil de Universidade, Yoya Blanco, e o xefe do servizo municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán.

Os concelleiros socialistas transmitíronlle a Troncoso a súa vontade de pechar un convenio de cesión de uso desta gran zona verde, así como de crear un novo acceso ao parque na rúa Italia (á altura do paso de cebra ubicado ante o supermercado de Froiz) e comunicalo cunha futura rede de sendas peonís internas. “A cesión de uso sería o ideal e máis razoable, xa que facilitaría, sobre todo ante o servizo de Intervención, a tramitación de cuestións como a dotación deste novo portón de acceso ou a instalación de novo mobiliario, pero nós estamos absolutamente abertos a calquera outra fórmula xurídica que a Uned considere oportuna e que impliquen unha autorización de acceso”, explicou Iván Puentes.

A proposta dos edís do PSOE prevé a xeración dun parque que estea aberto en horario diúrno e permaneza pechado pola noite, á imaxe do que acontece en moitas áreas verdes do Reino Unido. O concelleiro de Medio Natural suliñou o “espectacular” valor botánico das árbores exóticas deste xardín (entre as que se atopan sequoias, acacias ou euxenias), “que probablemente non teña comparación co de ningún outro punto do concello”, e avanzou a súa intención de dotar a estas chamativas especies dunha axeitada sinaléctica. 

A directora da Uned amosouse receptiva co proxecto, asegurando que, “se é viable, oportuno e bo para o conxunto da cidadanía, non haberá maior inconvinte”. Non obstante, lembrou que debe ser a Xunta Reitora, na que están representados Concello, Deputación, Xunta e Ence e que manterá unha sesión ordinaria antes de final de ano, a que teña a última palabra ao respecto.

Asemade, María Troncoso indicoulles aos socialistas que está prevista unha remodelación do edificio do centro asociado de Monte Porreiro, polo que a apertura do parque da Uned estaría condicionada a finalización dos traballos de mantemento da fachada.

Un histórico proxecto

A apertura dos xardíns da Uned á cidadanía e a súa integración na contorna do Mirador é un histórico proxecto reivindicado polos veciños do barrio. Aínda que a proposta xa foi aprobada hai anos pola Xunta Reitoria e mesmo se levou ao Pleno da Corporación municipal en forma de moción, acabou por quedar en papel mollado. O tenente de alcalde, Tino Fernández, e os concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes xa avanzaran durante a última campaña electoral a súa firme vontade de facela realidade neste mandato.

“Á marxe da creación do novo portón de acceso, é realmente un xardín no que hai que facer unhas actuacións de acondicionamento mínimas. A idea é eliminar tamén algunhas especies invasoras, como se vai facer agora cunhas acacias negras que están molestando aos veciños, e repoboar o parque con árbores que permitan manter o seu toque clásico e decimonónico, con especies de diferentes continentes, de xeito que sexa un espazo de lecer e de aprendizaxe”, afirmou o edil de Medio Natural.