Medio Natural cortará mañá o vial de baixada dende Monte Porreiro para a tala dunha decena de eucaliptos

8
  • Os operarios da empresa Arbogal empregarán a técnica da poda con trepa e a axuda dunha grúa para tallar as árbores de maior tamaño neste treito da senda do Lérez próximo á praia fluvial

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural cortará mañá o vial de baixada da estrada de acceso a Monte Porreiro para executar os traballos de tala dunha decena de eucaliptos de gran tamaño na contorna da praia fluvial. Os operarios da empresa Arbogal, encargada do proxecto de eliminación de especies invasoras neste treito da ribeira do Lérez, levarán a cabo a actuación coa axuda dunha grúa e mediante a técnica de tala por trepa. 

Os traballos enmárcanse nun plan impulsado polo edil socialista Iván Puentes para a mellora ecolóxica e o aumento da biodiversidade e da calidade do bosque nun tramo duns 150 metros entre a ponte do tren e o inicio do sendeiro fluvial. O proxecto contempla a eliminación de tódolos eucaliptos e doutras especies invasoras, como as acacias, e a plantación posterior de árbores autóctonas. 

Segundo sinala o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, ademais de eucaliptos de gran tamaño, tamén se tirarán outros máis pequenos, polo que, se ben “o corte da estrada non debería prolongarse máis aló do xoves, a empresa tamén disporía da xornada do venres en caso de que así o precisase”. Iván Puentes lembra que a área de actuación ubícase no Lugar de Interese Comunitario (LIC) do río Lérez, polo que o proxecto precisou de autorización da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia (que deu o visto bo a finais de verán).

A intervención conta cun orzamento de case 14.000 euros e estase a traducir na eliminación de tódolos exemplares pertencentes a especies invasoras, así como daqueles que teñen comprometida a súa estabilidade ou que presentan un mal estado de saúde. A tala está a ser efectuada por arboristas cualificados mediante o sistema de trepa, baixando as pólas de xeito controlado para salvagardar o mobiliario urbano e o resto do arborado, co apoio dunha grúa e dun camión para a retirar a madeira.

Nunha primeira fase, os traballos centráronse na área máis próxima á beira do Lérez, para centrarse, a partires de mañá, na tala dos eucaliptos pegados á estrada de acceso a Monte Porreiro. Tódalas árbores que se van talar correspóndense con eucaliptos, robineas e acacias (mimosa e acacia negra) e o número definitivo superará a trintena.

As ramas que se acumulen ao finalizar as actuacións trituraranse para o seu emprego como estruturante nos centros de compostaxe municipais, pechando así o ciclo dos materiais.