Unhas 30.000 papeletas participaron no sorteo dos sete vales de 700 euros da campaña municipal ‘Volta ó Cole’

89
  • Yoya Blanco avanza que, tralo éxito desta estrea, que acadou a cifra récord de 300 locais adheridos, ten a intención de “acadar a implicación dos comercios do rural na segunda edición”

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, presidiu hoxe na Casa da Luz o sorteo dos sete vales por valor de 100 euros repartidos pola campaña ‘Volta ó Cole’ entre os clientes dos 300 establecementos adheridos na estrea da iniciativa municipal. Segundo explica a edil socialista, “trátase non só dunha cifra récord de participación se a comparamos coa doutros proxectos semellantes como o Black Friday de 2018 (no que se implicaron 180 comercios), senón que cualitativamente acadamos tamén a implicación dunha ducia de locais situados nos barrios de Monte Porreiro, A Parda e O Burgo, polo que, para a segunda edición, o obxectivo é extender este éxito de acollida cara as parroquias do rural”.

Dous técnicos da Concellería de Promoción Económica fixeron de mans inocentes no sorteo dos sete vales, que poderán ser canxeados por produtos nos establecementos adheridos á campaña. Trala rifa, na que participaban as perto de 30.000 papeletas que os clientes rechearan ao facer as súas compras, Yoya Blanco e Marga Caeiro, da firma Pontevedra Digital (empresa coordinadora da iniciativa), deron a coñecer os nomes dos agraciados, aos que se lles comunicaron os premios por vía telefónica: Rosa Civeira (cunha papeleta selada en Casual), Mercedes González (Óptica Vilas), Laura Sobral (Milagros Molero), Sonia Liz (Star Center), Irene Pontevedra (Le Petit Matt), Carmen Correa (Alma Gemela) e Ana Méndez (Emeene).

O sorteo tivo lugar no hall de entrada á Casa da Luz.

Tal e como precisou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, “os gañadores disporán agora dun mes, a partires de mañá, para canxear o vale íntegro en calquera dos 300 comercios participantes, entre os que se inclúen librarías, tendas de roupa, zapaterías, xogueterías, xoiarías, moblarías, herbolarios, perruquerías e floristerías” (a base de datos cos comercios exhíbese na web do Concello ‘www.pontevedra.gal‘).

A campaña a ‘Volta ó Cole’ buscar premiar deste xeito a fidelidade do clientes e incentivar as compras no comercio local de Pontevedra durante este período de inicio do curso, caracterizado por un forte investimento en material escolar, uniformes, libros ou roupa deportiva. Os establecementos implicados na iniciativa, que participan na mesma de xeito voluntario, foron recollendo en boletos facilitados polo Concello os datos persoais e o teléfono do cliente de cara a celebración do sorteo.