O edil de Deportes felicita ao xenio pontevedrés de 14 anos Rubén Fernández tras acadar a primeira medalla mundialista de xadrez para Galicia no World Blitz Open

168
  • Campión de España sub14, Fernández adestra coa Escola Xadrez Pontevedra dende os oito anos e tamén obtivo o sexto posto nos mundiais de partidas rápidas celebrado en Salobreña

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiu hoxe na Sala de Xuntas do Concello ao “xenio pontevedrés do xadrez” Rubén Fernández para felicitalo pola medalla de bronce acadada recentemente no World Youth Blitz Open U14. Tal e como lembrou o edil do PSOE, que lle fixo entrega dun agasallo do Concello, “o que fixo Rubén foi unha fazaña sen precedentes para o xadrez galego, ao tratarse do primeiro metal mundialista da historia de Galicia”.

O xoven deportista, nado en Vigo o 15 de xaneiro de 2005, ingresou na Escola Xadrez de Pontevedra cando tiña 8 anos, destacando dende moi cedo e comezando a gañar innumerables torneos: xa con nove anos se alza co título de campión galego sub10, ao ano seguinte repite triúnfo e, posteriormente, convértese en campión autonómico sub12 e sub14. O ano pasado corouse campión provincial de Pontevedra sub16, tendo 13 anos, e este mesmo ano gañou de xeito brilante o Campionato de España sub14 (xa contaba con dous subcampionatos previos sub10 e sub12).

A recepción tivo lugar na Sala de Xuntas do Concello.

Segundo explicou Tino Fernández, “a súa progresión vai cada día a máis e en 2019 volveu impresionar a todos nos mundiais de partidas rápidas e partidas Blitz celebrados recentemente en Salobreña”. “Ademais do terceiro posto no World Blitz Open -explicou o concelleiro de Deportes-, tamén loitou entre os primeiros e obtivo un magnífico sexto posto no World Youth Rapid OpenU14”.

Por outra banda, o tenente de alcalde salientou o feito de que “ademais do seu amor e afección polo xadrez”, Rubén Fernández é “un crak nos estudos, xa que ano tras ano acada as mellores notas”.