Lores: “Este é un edificio imprescindible para que a sociedade sexa xusta”

30

‣ O alcalde apelou ao necesario entendemento entre as diferentes Administracións, na inauguración do novo Edificio Xudicial da Parda

O Concello fora o encargado da tramitación urbanística e da asunción das expropiacións, que ascenderan a 1,3 millón de euros

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que o novo Edificio Xudicial da Parda é “imprescindible para que a sociedade sexa xusta”, e lembrou que dará servizo tanto á veciñanza de Pontevedra como á de todos os concellos do partido xudicial. Lores apelou durante a súa intervención na inauguración oficial das instalacións á “imprescindible necesidade de entendemento entre as diferentes Administracións, cada unha na súa competencia” para sacar adiante proxectos como este. Neste sentido, lembrou que ente o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia quedan proxectos pendentes que “están enriba da mesa e ben enfocados”.

O novo Edificio Xudicial da Parda foi cualificado polo rexedor como “digno, austero e cunha integración urbana correcta”, tres puntos que salientou como de especial importancia por tratarse dunhas instalacións realizadas con cargo ao erario público.

Hai que lembrar que, no proceso para que este novo edificio fose unha realidade, o Concello foi o encangado de realizar toda a tramitación urbanística, tras a sinatura dun convenio formal coa Xunta en maio de 2010. Tamén foi o Concello pontevedrés o que se encargou de expropiar os terreos, que deron como resultado unha parcela final de 6.655,91 metros cadrados polos que pagou 1,3 millóns de euros aos diferentes propietarios.