A XXVIII Feira do Mel ‘Meleira’ triplica o número de postos con respecto á pasada edición

119
  • A concelleira socialista Yoya Blanco subliña a consolidación na cidade dun evento “que pasará dos oito ‘stands’ do ano pasado a vinte”

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, anunciou hoxe que a XXVIII Feira do Mel ‘Meleira’, que se desenvolverá nas rúas Serra e César Boente entre os días 10 e 18 de agosto, coincidindo coas Festas da Peregrina, “contará con vinte postos, o triple dos oito da anterior edición”. O evento foi presentado no Mercado de Abastos pola edil socialista; o presidente de CCU ZM, Miguel Lago, e os voceiros das entidades organizadoras Luz Gómez e Claudio Fraga (de Emrede e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra).

Tal e como apuntou Luz Gómez, seguindo a traxectoria doutros anos poderanse mercar distintos tipos de meles, polen, xaleas, propóleos e outros produtos de apicultores locais, que axudan a conservar o medio rural, manter a biodiversidade, dar a coñecer a importancia das abellas no proceso de polinización e a conservación da flora.

Acto de presentación de ‘Meleira’ no Mercado de Abastos.

Este ano cóntase coa colaboración e participación de Emrede, unha rede de mercados locais con produtos artesáns e ecolóxicos que se vén celebrando en distintos concellos (Moraña, Meis, A Lama, Soutomaior, Campolameiro e outros a celebrar proximamente) e nos que os visitantes poden mercar produtos agroalimentarios ecolóxicos e artesanais: pan, viños, aceites, queixos, licores, larpeiradas, téxtil…

Haberá un espazo chill out onde se poderán saborear cervexas artesanais e batidos ecolóxicos e os rapaces poderán facer distintas actividades. Asemade, instalarase a exposición ‘A retranca dun país’, de Luís Davila, onde se amosarán as viñetas que representan á sociedade galega do rural, o mundo mariñeiro e a actualidade, vista dende unha óptica reflexiva e humorística.

Obras de teatro onde as protagonistas serán as abellas e a natureza e diversos parladoiros onde se dará a coñecer a importancia das abellas ou o problema das vespas velutinas completarán o programa de actividades da Feira do Mel, que, segundo destacou Yoya Blanco, “acadou tal nivel de consolidación que xa case non se poden pensar as Festas da Peregrina sen ‘Meleira'”.

Programa de actividades desta XXVIII edición da Feira do Mel.