A Concellería de Igualdade lanza un vídeo para previr a violencia sexual e deixar ben claro que ‘Sen o meu si, non’

315
  • O departamento que dirixe a socialista Paloma Castro repartirá dípticos que fan fincapé na necesidade do consentimento explícito e que establecen pautas a seguir en casos de abuso ou agresión sexual

Un vídeo co lema ‘Coas violencias machistas, nin de broma’ e que remata coa rotunda mensaxe “Metede isto na cabeza: sen o meu si, non” será dinfudido en tódolos concertos e eventos que se celebren durante as festas co obxectivo de previr agresións e abusos sexuais. A iniciativa, presentada hoxe pola concelleira socialista Paloma Castro, enmárcase “dentro da campaña municipal de información e concienciación en materia de igualdade e de prevención contra a violencia de xénero, máis concretamente, contra a violencia sexual”.

Entre as accións concretas que se van desenvolver inclúese a instalación durante as xornadas de maior concurrencia das Festas da Peregrina, da caravana do Punto Morado nas escaleiras de San Francisco. Tal e como lembrou Paloma Castro, unha psicóloga e unha promotora de igualdade (apoiada por un equipo de voluntarios) prestarán asistencia psicolóxica, axuda ás posibles vítimas e información tanto o sábado como o domingo en horario de 18.00 a 4.00 horas.

Cartel da campaña baixo o lema ‘Sen o meu si, non’.

Asemade, a Concellería de Igualdade levará a cabo o reparto de dípticos con información sobre violencia sexual, tanto pola cidade durante a fin de semana por parte dos voluntarias e voluntarios, como no edificio do Concello e a súa páxina web, os centros de saúde e noutros lugares públicos onde exista elevada concorrencia de público. “O díptico, que tamén faremos chegar aos institutos ao inicio do curso escolar, explica a diferencia entre agresión e abuso sexual e lembra que sempre é preciso o consentemento. Tamén matiza cousas como que non dicir non de xeito explícito non significa si e que tampouco é consentimento o silencio, non respostar, a indecisión ou estar baixo os efectos das drogas, o alcohol e en situación de inconsciencia”, indicou Paloma Castro.

Segundo apuntou, o díptico tamén reflexa “algunhas conductas normalizadas que supoñen micromachismos e ás que temos que poñerlles freo, así como normas que os cidadáns poden seguir para axudar a unha muller que se atopa en situación de perigo”. Por último, establécense unha serie de pautas a seguir cando nos atopamos cunha situación de agresión ou abuso sexual, e indícanse os teléfonos dispoñibles para recibir información e denunciar.

Paloma Castro avanzou que o Concello tamén está a traballar no deseño dun protocolo de actuación para atallar e respostar aos casos de violencia sexual. Persoal do Centro de Información á Muller (CIM) e especialistas en igualdade están a confeccionar o documento, coa intención de levalo á Mesa Técnica de Coordinación para a Loita contra a Violencia de Xénero para a súa aprobación.

A concelleira do PSOE durante o acto de presentación da campaña.

A concelleira do PSOE pechou a súa comparecencia facendo mención á praga de asasinatos e agresións sexuais que se está a producir en España durante as últimas semanas e lamentou que vivamos “nunha sociedade na que a integridade das mulleres está en perigo”. “Gustaríame non ter que facer esta campaña, pero mentres sigamos vivindo nunha sociedade machista e patriarcal e haxa energúmenos que sigan pensando que teñen o control polo feito de ser homes, non nós queda outro remedio que protexer ás mulleres dende as institucións para que poidan desfrutar das festas en liberdade”.