O Concello pon a punto para as festas as árbores e zonas verdes da Alameda, As Palmeiras e A Ferrería

53
  • A actuación do departamento que dirixe Iván Puentes inclúe traballos de poda en ambos parques e a plantación e reposición de flores nos xardíns de Casto Sampedro e a Gran Vía de Montero Ríos

Unha brigada de seis operarios pertencentes ao servizo municipal de Parques e Xardíns desenvolve dende primeira hora desta mañá tarefas de poda dos plataneiros, carballos e ameneiros da Alameda de Alejandro Sesmeros. Os traballos forman parte dun conxunto de actuacións que se están a levar a cabo ao longo do verán para poñer a punto as árbores e zonas verdes da Gran Vía de Montero Ríos, As Palmeiras e A Ferrería de cara ás festas da Peregrina e a Feira Franca.

O concelleiro de Parques e Xardíns, o socialista Iván Puentes, achegouse a mediodía ata a Alameda acompañado polo técnico municipal Manuel Fontán para supervisar a boa marcha das tarefas, consistentes nunha poda “tanto das ramas máis baixas, ‘limpando’ as árbores na súa zona inferior, como dalgunhas situadas a maior altura, coa finalidade de previr a caída daquelas secas e en mal estado”. Unha grúa permitiu o acceso dos operarios do Concello ás copas máis altas para o tallado destas pólas.

Traballos de poda levados a cabo nos plataneiros, carballos e ameneiros da Alameda.

Segundo explicou Iván Puentes, as podas permiten facilitar a instalación dos postos das festas (dende o luns) e “garantir a seguridade dos cidadáns que se acheguen ata as casetas da Peregrina ou que participen nos xantares da Feira Franca”. “Terán continuidade a vindeira semana no parque das Palmeiras, onde xa se efectuara recentemente un tratamento preventivo contra o gorgoxo picudo vermello ás 26 palmeiras dos Xardíns de Vincenti. Todas elas se atopan fóra de risco”, indicou o concelleiro socialista.

O concelleiro socialista Iván Puentes durante a supervisión das actuacións.

Tal e como sinalou Puentes, entre os traballos realizados por Parque e Xardíns en Montero Ríos tamén se inclúen a eliminación de malas herbas, a limpeza de follas das árbores, a retirada de maleza e o tallado dos arbustos dos xardíns. Unha vez rematada esta limpeza, que se extendeu polo talude existente entre a avenida Raíña Vitoria e as escaleiras que dan cara San Roque de Abaixo, iniciouse a reposición de plantas secas e a plantación de flores nas zonas verdes da Alameda (nas que podemos atopar buxos, azaleas con flores de diversas cores, margariteiras amarelas ou flores azuis cónicas) e a rotonda de San Roque.

O edil do PSOE tamén se desprazou ata os xardíns de Casto Sampedro (na Praza de Ourense) para comprobar o excelente aspecto que lucen coa plantación de flores laranxas (taxetes) ao longo da xornada de hoxe. “Aínda que as actuacións de mantemento se levan a cabo de xeito periódico -subliñou-, queriamos facer unha posta a punto para que tódalas zonas verdes nas que se actuou presenten as súas mellores galas nas festas da Peregrina e a Feira Franca”.

Operarios traballando nos xardíns de Casto Sampedro.

A Concellería de Parques e Xardíns destinou unha partida global de 16.335 euros á realización de traballos de poda en diversos espazos de Pontevedra, entre eles a Alameda e As Palmeiras, e outra de 18.120 euros para seis revisións e tratamentos preventivos contra o picudo vermello nas 26 palmeiras dos Xardíns de Vincenti, as catro das áreas axardinadas veciñas ao edificio de Belas Artes, unha próxima ao Pazo Provincial e outras dez situadas en diversos puntos do concello. Iván Puentes tamén deu o visto a unha achega de máis de 6.500 euros para restaurar os xardíns do talude de Montero Ríos e de case 10.000 euros para as obras de recuperación dos xardíns ubicados na rotonda da Barca e nas inmediacións da ponte.

Unha grúa permitiu tallar as pólas das copas situadas a máis altura.