Concello e APE priorizarán a formación e o apoio administrativo para os autónomos do rural

9
  • A concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, estuda asinar un convenio de colaboración co colectivo que preside José Ramón Caldas, que conta cuns 5.000 afiliados en Pontevedra

Extender aos traballadores autónomos do rural pontevedrés tódalas actividades formativas e o apoio administrativo que presta en Pontevedra a asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) será unha das prioridades da Concellería de Promoción Económica no eido do emprendemento e o traballo por conta propia. Así llo comunicou hoxe a responsable do departamento municipal, a socialista Gloria Blanco, ao presidente do colectivo, José Ramón Caldas, no contexto dunha visita ás instalacións que APE ten na rúa Gagos de Mendoza.

Tal e como avanzou a concelleira do PSOE, o Goberno local continuará a respaldar o labor e as actividades desenvolvidos pola asociación, unha colaboración que estudan formalizar “mediante un convenio”. Blanco aproveitou o encontro para transmitirlles ao presidente de APE e á súa secretaria técnica, Sonia Acuña, o seu desexo de impulsar o comercio local “de barrios e parroquias”, unha proposta que coincide plenamente coas necesidades detectadas pola asociación.

De feito, José Ramón Caldas lembrou que, ao contrario do que sucede no centro urbano de Pontevedra, os autónomos do rural “non teñen tanto contacto coas asociacións empresariais e están moito máis perdidos”, polo que se fai imprescindible “achegarlles a información e a formación”. Segundo precisou o presidente de APE, o colectivo, que conta cuns 35.000 afiliados en toda Galicia (15.000 deles na provincia de Pontevedra), “veu colaborando durante os últimos anos co Concello en diversos eventos, charlas e xornadas para emprendedores e autónomos”, polo que verían moi positiva a sinatura dun convenio.

Entre os proxectos que se levaron a cabo e que tanto APE como a Concellería de Promoción Económica agardan poder reeditar inclúese o plan Repensa, orientado a facilitar o relevo xeracional naqueles comercios locais próximos ao peche por xubilación dos propietarios. A iniciativa, que xa leva tres edicións celebradas, contou co apoio económico do Concello capitalino e maila Deputación provincial.