As obras de construción do parque infantil de Médico Ballina darán comezo durante o mes de agosto

192
  • Os concelleiros socialistas Tino Fernández e Iván Puentes mantiveron un encontro cos veciños para explicarlles as características técnicas do proxecto que vai executar a empresa Bricantel España S.L.

As obras de construción do novo parque infantil de Médico Ballina, que vai a executar a empresa adxudicataria Bricantel España S.L. cun orzamento de 157.520,79 euros, darán comezo ao longo do mes de agosto. Os concelleiros socialistas Tino Fernández e Iván Puentes mantiveron unha reunión sobre o terreo para explicarlles aos voceiros dos veciños as características técnicas do proxecto, que se levará a cabo nunha parcela de 1.198,42 metros cadrados cedida por Adif e emprazada sobre a cuberta do túnel do tren (na marxe dereita da estrada en dirección Pontevedra-Santiago).

Segundo avanzou Iván Puentes, responsable do departamento de Parques Infantís, a actuación “só está pendente dun trámite no servizo municipal de Intervención”, polo que “xa temos todo a punto para que poidan iniciarse en agosto”. Os traballos traduciranse na creación dunha zona de estancia destinada aos acompañantes dos rapaces situada na entrada ao parque e doutra traseira na que se instalarán os diversos xogos infantís.

A área de lecer para os máis pequenos contará cun peche perimetral, un pavimento amortecedor (formado por céspede artificial e pranchas de entre 35 e 90 milímetros de grosor) e unha ampla variedade de xogos infantís, entre os que se inclúen unha tirolina; un pórtico de randeeiras con dúas cadeiras planas, unha para bebés e outra inclusiva; un bambán con forma de cesto; dous equipos combinados (a xeito de xincana); paneis lúdicos para xogar ao tres e ao catro en raia; un labirinto inclusivo, e varios bambáns con resortes.

A zona de descanso disporá de catro bancos, tres papeleiras, unha mesa de de ping-pong, dúas mesas con taboleiros (para xogos de mesa: xadrez e parchís) e bancos incorporados, tres papeleiras e fontes de auga adaptadas a persoas con mobilidade reducida.

Tal e como lembra o concelleiro socialista Iván Puentes, en base ao prego de condicións, as obras de creación do novo parque infantil de Médico Ballina teñen un prazo máximo de execución de tres meses dende o seu inicio. A oferta da adxudicataria Bricantel rebaixou nun 10% os 175.000 euros que se contemplaban no orzamento inicial e inclúe inspeccións integrais anuais e o compromiso de manter pezas de reposto suficientes por un período de 15 anos dende a instalación do equipo.