Un milleiro de padexeiros participarán no Campionato de España de Xóvenes Promesas de Sprint de Piragüismo

62
  • O edil de Deportes, Tino Fernández, subliña a importancia do evento para Pontevedra “tamén a nivel turístico, ao tratarse de rapaces de categorías Infantil e Cadete que veñen coas súas familias”

Despois duns anos sen contar con esta competición, o Campionato de España de Xóvenes Promesas de Sprint Olímpico de Piragüismo regresará esta fin de semana a Pontevedra coa cifra récord de case 1.000 padexeiros inscritos. O evento, que se desenvolverá entre o venres e o domingo nas instalacións do Pontillón do Castro, foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, en compañía do presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea, e mailo delegado de Deportes de Deportes da Xunta, Daniel Benavides.

Segundo salientou o edil do PSOE, á marxe do enorme nivel deportivo das probas, o Campionato “ten unha compoñente de gran atractivo no eido turístico, ao tratarse de padexeiros infantís e cadetes e que, polo tanto, veñen a Pontevedra acompañados das súas familias”. Asemade, Fernández destacou a elevada participación de deportistas galegos (328 dos 932 apuntados, o que supón un 35% do total) que permite “o feito de que o evento se celebre en Galicia, no Pontillón”. “É un xeito de axudar aos clubes de Pontevedra -indicou- a acudir ás competicións e a reducirlles os gastos para que poidan subsistir”.

O socialista animou a todo o mundo a achegarse ao Pontillón para ver o Campionato de Sprint de Piragüismo, xa que se trata de “probas moi dinámicas, bonitas e explosivas, cunha afección moi volcada, e paga a pena desfrutalas”.

Pola súa banda, o delegado da Xunta alabou o labor tanto da Federación Galega como dos clubes e destacou “non só a cantidade de padexeiros aportados, senón a súa calidade”. Tal e como subliñou Benavides, “estamos sendo referentes non só a nivel de España, senón tamén internacional”. “Que 328 dos case 1.000 padexeiros sexan galegos é para sacar peito. Estamos dándolle pulo a un deporte que non é minoritario e do que eu me atrevo a dicir que é o deporte rei en Galicia”, matizou.

O presidente da Federación de Piragüismo fixo fincapé no feito de que “esta é a primeira vez na historia na que se superan os 900 padexeiros” e anticipou que a porcentaxe de participación do 35% “sen dúbida será superior no medalleiro”. Alfredo Bea avanzou que este Campionato “vai poñer a proba as instalacións do Pontillón do Castro, que estará ao máximo, ateigado de xente”. “Nesta ocasión van quedar incluso pequenos, pero hai posibilidade de mellora de cara ao futuro”, apuntou.