Manuel Jabois anuncia un pregón trufado de humor e nostalxia

37
  • O alcalde e a concelleira de festas presentaron oficialmente ao pregoeiro das Festas da Peregrina e amosáronse expectantes ante un pregón que esperan “diferente e que sexa recordado” 
  • O xornalista e escritor avanzou que será un pregrón-relato no que estarán presentes a hospitalidade de Pontevedra e as súas vivencias na cidade

O xornalista e escritor Manuel Jabois foi presentado oficialmente esta mañá como pregoneiro das Festas da Peregrina polo alcalde da cidade e pola concelleira de Festas. Aínda que xa se anunciara con anterioridade a escolla da persoa encargada de dar o pistoletazo de saída ás festas, por motivos de axenda persoal non puidera ser presentado publicamente. Na mañá de hoxe, tanto Miguel Anxo Fernández Lores como Carme da Silva volveron lembrar que o principal motivo da elección de Manuel Jabois foi “por ser un embaixador de Pontevedra alá onde vaia, ademais da súa proxección profesional”. Fernández Lores aproveitou para amosar a súa expectativa de que “vai ser un excelente pregoeiro e vai facer un pregón diferente, como fai el todas as cousas, e estamos seguros que ademais vai ser un pregón recordado”. O propio Manuel Jabois recolleu a luva lanzada polo alcalde asegurando que “aínda non o escribín pero podo dicir que será un pregón-relato con humor, sátira e nostalxia”. 

O alcalde, nun ton distendido, tamén fixo brincadeira sobre o nerviosismo previo Manuel Jabois ante a expectación xerada pola súa intervención desde o balcón do Pazo de Mugartegui, ao que o propio aludido respondeu asegurando que “podo intervir sen papeis ante un auditorio de 600 persoas descoñecidas pero con que haxa catro que me coñecen xa me poño nervioso”. O xornalista tamén avanzou que o ton do seu relato será festivo e que “como Pontevedrés de adopción farei referencia á hospitalidade da cidade que me acolleu, que é a miña casa natural, e na que teño a sorte de ter amigos que coñezo desde o colexio”. Sobre Pontevedra tamén asegurou que “é a miña unidade de medida de moitas cousas para poder explicarme a min mesmo o mundo”. 

Manuel Jabois, que estará esta tarde ás 20h na Festa dos Libros presentando a novela ‘Malaherba’, iniciou a súa traxectoria profesional en Pontevedra e, na actualidade, traballa e reside en Madrid. A cidade do Lérez está presente en boa parte da súa obra literaria, como exemplo a súa última novela que está ambientada na Pontevedra dos 80. Ten seis libros publicados e o primeiro, “A estación violenta”, foi levada ao cinema pola produtora prontevedresa Matriuska e dirixida pola realizadora, tamén pontevedresa, Anxos Fazáns.