A reforma de Loureiro Crespo chegará ao barrio do Castañal

314
  • O Concello incrementa o proxecto de Loureiro Crespo até os 2,9 millóns, para abordar a mellora de Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo e Cabanillas.
  • O proxecto pasa de 1,9 a 2,5 millóns de euros ao incluír o cambio dos servizos en todas estas novas rúas, e atribuír a reforma en superficie ás melloras do proxecto valoradas en máis de 300.000 euros.

O Concello de Pontevedra incluíu no proxecto de reforma de Loureiro Crespo a remodelación de parte das rúas do barrio do Castañal: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo e Ramón Cabanillas. Estas reformas estarán incluídas dentro do proxecto inicial: por un lado increméntase o proxecto até os 2,5 millóns ao substituír os servizos soterrados, e se inclúen como melloras o tratamento en superficie de todas elas para completar o proxecto até os 2,9 millóns.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez explicou esta mañá que das reunións mantidas cos veciños e comerciantes da rúa Loureiro Crespo cando se presentou o proxecto de reforma (comprendido entre a praza do Hospital e a rúa Mestre Soutullo, aproximadamente), o Goberno Local recolleu unha serie de compromisos sobre onde investir as melloras previstas.

O acordo foi destinalo ás rúas lindeiras do barrio do Castañal. Para engadir estas obras como mellora do proxecto, o Concello tivo que incrementar o investimento inicial de Loureiro Crespo até os 2,5 millóns de euros (partíase de 1,9) xa que é necesario incluír a reposición das redes de servizos destas catro rúas (saneamento, auga e pluviais). O que se incluirá como melloras da obra será o tratamento en superficie que está valorado en 341.350 euros.

Sobre a reforma das rúas, será de dous tipos: Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. Os alcorques serán de ferro cortén, similar ao da Virxe do Camiño. O carril de circulación irá en formigón negro con faixas de pedra, similar á praza do Hospital.

O resto de rúas: Forcarei, Amor Ruibal e Mestre Soutullo, polas súas dimensión, serán de plataforma única cun tratamento similar ao xa iniciado na avenida de Lugo.

A praza das Regas está previsto que faga de distribuidor de tráficos da zona, polo que será necesario facer certos retoques nas esquinas. O investimento nesta parte é moi pequena (19.000 euros).

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez manterá a vindeira semana unha reunión cos veciños e comerciantes de Loureiro Crespo e Castañal. Será o xoves, 2 de maio, onde recollerá as suxestións dos asistentes para despois poder mandar o proxecto a contratación.

A reforma de Loureiro Crespo terá un prazo de execución dun ano, e poderá estar en obra neste mesmo 2019, segundo as previsións da concellaría.