O Concello pide ao comercio do centro histórico que sexa o “embaixador” dos mundiais de tríatlon

33
  • As concelleiras Anxos Riveiro e Anabel Gulías mantiveron esta mañá un encontro cos representantes de Zona Monumental para informarlles de como se xestionará a zona cero.
  • Pedíuselles que fosen o mellor escaparate da cidade para os miles de visitantes e informóuselles de que estará prohibida a carga e descarga os sábados 27 de abril e 4 de maio.

As reunións co tecido empresarial da cidade para informar do desenvolvemento dos mundiais de tríatlon continúan adiante. Esta mañá foi co Centro Comercial Urbano – Zona Monumental ao que se lle explicou pormenorizadamente a zona cero dos campionatos, situada en pleno centro histórico e no Centro de Tecnificación Deportiva. 

No encontro informóuselles que se escolleu expresamente o centro histórico para dar visibilidade á cidade e dinamizar todo o ámbito, polo que se solicitou a Zona Monumental que o comercio do casco antigo se converta en embaixador dos mundiais, tendo un protagonismo especial e ofrecendo a súa mellor atención para que os visitantes que acudan a Pontevedra teñan a mellor carta de visita da cidade.

Tamén se lles pediu unha colaboración expresa durante os campionatos xa que terán certas restricións durante o seu desenvolvemento. Fíxose especial fincapé en que queda prohibida a carga e descarga nos sábados 27 de abril e 4 de maio.

Esta é a primeira das reunións que o Concello mantén con comerciantes da zona, que continuarán nas vindeiras semanas.