Pontevedra participa con voz propia no proxecto internacional A Cidade das nenas e dos nenos que lidera Tonucci

    5
    • A tenente de alcalde, Carme da Silva leva o modelo Pontevedra esta semana ao foro de debate e formación do proxecto que se celebra en Fuerteventura 

    Fuerteventura acolle esta semana distintas citas que xiran arredor do binomio nenos e nenas e cidade. Pontevedra estará con voz propia mañá, 13 de febreiro, nunha delas: Proxecto Internacional: A cidade das nenas e dos nenos, un encontro que ten lugar no Palacio de Congresos de Fuerteventura e que conxuga intercambio de experiencias e formación da man do pedagogo italiano Francesco Tonucci. Estarán enriba da mesa temáticas como a nova filosofía de goberno das cidades (das nenas e dos nenos), a autonomía de movemento da rapazada, a participación da infancia na planificación e goberno da cidade ou o dereito ao xogo e a ocupación do espazo público polos nenos e nenas. 

    A tenente de alcalde Carme da Silva, levará a este foro o modelo Pontevedra, que ten entre os seus inspiradores ao propio Tonucci. A Boa Vila é un referente no mundo de recuperación do espazo público para uso e goce da xente, das nenas e dos nenos tamén.

    Da Silva participará mañá na mesa de traballo Por que necesitamos das nenas e nenos para salvar a cidade? que inclúe relatorios como O Consello dos nenos e nenas na cidade, o Consello dos alumnos e alumnas na escola ademais do modelo Pontevedra.

    O espazo público como dereito fundamental para o conxunto da sociedade e imprescindíbel para os nenos e nenas; a cidade como un espazo de relación, para medrar en autonomía, para xogar e compartir, un espazo seguro e a experiencia Barcelos  (converter unha praza pública en patio escolar de recreo) son ítems que abordará a tenente de alcalde na súa exposición.

    A relación de Pontevedra con Tonucci é intensa e bidireccional. A transformación urbana ten no pedagogo italiano un dos seus inspiradores e Francesco Tonucci é, abofé, un dos prescritores da Boa Vila, o exemplo do que ten que ser a Cidade das nenas o dos nenos. Unha cidade sustentábel, educadora, viva e acolledora.